Un centenar de actividades para “o teu mellor verán” en Moaña

Publicidad

Un verán cheo de actividades. O Concello de Moaña vén de presentar a súa programación estival baixo o lema “Moaña: o teu mellor verán” que suma un centenar de actividades entre os meses de xuño e setembro.

Nas citas deste ano, atópanse os grandes eventos xa habituais na axenda como o Festival Intercéltico do Morrazo, ou o Morrasound, que este ano busca asentarse definitivamente, pero tamén apostas como o Festival de Jazz, que duplica a súa presenza.

Esta mesma fin de semana chegará xa Moaña Antiqua. A festa medieval comezará o venres ás 20:45 horas co pregón da escritora Iria Collazo e continuará durante toda a fin de semana. Como gran aposta atópase a presenza de Troula, con rechamantes espectáculos de lume que chegan por vez primeira ao Morrazo.

Na primeira fin de semana de agosto chegará o Morrasound, que este ano afronta a súa terceira edición cunha marcada aposta pola “feminización” coa presenta de Agoraphobia ou Sés.

O 22 de xullo será a quenda do XXV Festival Internacional de Folclore do Mar, que como cada ano abrirá boca cara ao Intercéltico do Morrazo. A cita tentará recuperarse do repentino falecemento de Geno Piñeiro, promotor do evento dende Meiramar-Axóuxeres.

Pola súa parte, o Intercéltico do Morrazo segue crecendo como gran aposta musical do Goberno coa presenza dalgunhas das principais figuras do folk como Budiño, Xabier Díaz e Capercaillie. O festival suma ademais actividades complementarias, como unha mostra de instrumentos tradicionais con 12 expositores.

En agosto, Días de Mar, celebrará o 15 aniversario da Xuntanza de Embarcacións Tradicionais coa botadura dun racú restaurado pola Asociación Sueste ou o concerto de Obal de música tradicional.

Agosto tamén será o mes do Jazz, cun festival que este ano vive a súa segunda edición, que pasa duplica a súa duración con dúas xornadas de música. Unha cita que ademais internacionalízase coa presenza de artistas europeos aínda por presentar oficialmente.

Na parte literaria, o programa inclúe a presentación do libro “As canteiras do litoral de Moaña”, de Tamara Campo Táboam ou “De Baleas”, de Eduardo Estévez.

A rapazada contarán asemade con espectáculos e actividades en eventos como Moaña Antiqua, con seis horas diarias dedicadas a eles, ou Morrasound, pero tamén con citas específicas como maxia ou títeres.

Promoción cun mupi xigante

Dentro da campaña de promoción da axenda estival, o Concello de Moaña vén de instalar un mupi xigante na Praza do Concello, con dous metros de alto e 1,5 de ancho. Este novo espazo permite consultar a axenda dos tres meses de verán á vez que promociona eventos e espazos do municipio.

Nestes primeiros tres meses verán, o Concello optou por un cartaz no que se homenaxea ás embarcacións tradicionais, unha xuntanza que este ano celebra o seu 15 aniversario.

Salir de la versión móvil