A colaboración entre o Club Peña Trevinca, a Universidade de Vigo e o Concello permitiu poñer en marcha en 2022 o Ciclo de Montaña, Medio Ambiente e Cambio Climático. Agora esta iniciativa, xa consolidada, acada a súa terceira edición co obxectivo de chegar a toda a cidadanía e de potenciar a concienciación ambiental. Este martes os responsables do club presentaron, xunto coa concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, e a directora da Oficina de Medio Ambiente da UVigo, Delfina Couce, os detalles da nova edición, que terá lugar os vindeiros 19, 20 e 21 deste mes de marzo.
Cada un dos días, como vén sendo habitual, contarase cun convidado de relevancia, que abordará unha temática diferente. Nesta ocasión, o encargado de abrir o ciclo será o veterano alpinista e escalador Carlos Soria, unha referencia nacional pola súa ampla experiencia no montañismo. A segunda xornada contará co recoñecido documentalista da natureza Joaquín Araujo e pechará o ciclo a directora científica do BC3 (Basque Centre for Climate Change) Mª José Sanz.
Este ciclo, que se celebra co gallo do Día Mundial do Clima (26 de marzo), é unha aposta da vogalía de Medio Ambiente do Club Peña Trevinca, da que é responsable Cristina Fernández, investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo. O obxectivo é, a través desta colaboración coa UVigo e o Concello, potenciar a sensibilización ambiental a través dun programa orientado a toda a cidadanía de Vigo e da contorna. Neste sentido, o presidente de Peña Trevinca, Lois Faro, recalcou que o club non se cingue unicamente ao eido deportivo, “senón que tamén somos sensibles co medio ambiente e, por isto, nace este ciclo”, que nesta terceira edición “coincide co 80 aniversario da entidade”.
A edil de Medio Ambiente destacou o éxito das dúas primeiras edicións e tamén o feito de traer nesta nova cita “a tres persoas de gran renome que nos van poder axudar a comprender moito mellor todo o relacionado co cambio climático e o medio ambiente”. E é que, como apuntaba a profesora Cristina Fernández, nas anteriores citas “puxemos o listón un pouco alto, coa presenza de deportistas moi recoñecidos a nivel nacional e internacional e investigadores e investigadoras de gran prestixio”, como o xornalista e aventureiro Sebastián Álvaro, “pero este ano non imos defraudar”.
Dos cumios do planeta á emerxencia e colapso climático
O montañeiro Carlos Soria será o encargado de abrir esta terceira edición do ciclo, o día 19 no Auditorio do Concello. Como destacan dende Peña Trevinca, Soria “aglutina todos os valores esenciais do Montañeiro con maiúsculas: a humildade, o esforzo sen límites, o compañeirismo, a gratitude, o sacrificio solidario e o optimismo” e, aos seus 85 anos, “segue desprendendo unha vitalidade incrible e a súa visión pode ser moi significativa para o nos colectivo”, en palabras de Cristina Fernández.
O xornalista de Faro de Vigo Armando Álvarez será o encargado de presentar un documental, a través do que Soria fará que o público “viaxe ao longo da súa impresionante vida na alta montaña, desde os seus inicios con 15 anos ata o día de hoxe, onde permanece perenne o espírito da súa xuventude”. Na década de 1970 Soria formou parte das primeiras expedicións españolas ao Himalaia e ascendeu con éxito 12 oitomiles, ingresou na Real Orde do Mérito Deportivo e obtivo a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo do CSD.
A segunda xornada terá como convidado ao recoñecido naturalista e documentalista da natureza Joaquín Araujo. Ademais de ter traballado con Félix Rodríguez de la Fuente, conta cunha dilatada traxectoria profesional dedicada á difusión medioambiental como director e guionista de 340 programas e documentais de televisión, con 120 libros publicados e case outros tantos como coautor e máis de 2500 publicacións en 159 revistas da natureza. O seu labor ambiental foi recoñecido co Premio Global 500 da ONU e é o único español galardoado dúas veces co Premio Nacional de Medio Ambiente. No seu relatorio fará un repaso sobre a importancia da auga e dos bosques para a vida no planeta, poñendo énfase no colapso hídrico que poderiamos padecer de non mudar os nosos hábitos. Nesta sesión estará acompañado por Juan J. Hermida, director do Instituto de Estudos Miñoráns.
A encargada de pechar o ciclo, o día 21, será a científica Mª José Sanz, directora do Centro Vasco para o Cambio Climático (BC3) e membro da delegación española no Panel Intergobernamental entre 2001 e 2006 para o Cambio Climático (IPCC), como integrante do cal recibiu o Premio Nobel da Paz en 2007, que será presentada polo catedrático en Ecoloxía e Bioloxía Ambiental da UVigo e investigador do Centro de Investigación Mariña, Emilio Fernández. Especializada en contaminación atmosférica, “falará sobre a problemática do cambio climático, pero non só dende o punto de vista desafiante”, como destacaba a vogal de Medio Ambiente do club, senón tamén analizando as oportunidades que representa o momento actual “para avanzar cara a neutralidade climática que sexa xusta e responsable”.
Todas as sesións son de balde e aberta ao público, ás 20:00 horas no Auditorio do Concello de Vigo.
Tres edicións... e sumando
Como explicaba na presentación o presidente de Peña Trevinca, o club vai moi máis aló da práctica deportiva. “Para nós, a organización deste ciclo é un traballo no que cremos, que non hai que facelo con ánimo de lucro, senón simplemente como concienciación”, recalca a docente da UVigo e vogal de Medio Ambiente, Cristina Fernández, que engade que “somos un colectivo montañeiro e o noso disfrute está no medio ambiente e nós a concienciación xa a temos”, pero con este tipo de actividades buscar levar esa visión a toda a sociedade. Aí é onde entra a UVigo e a ”súa capacidade docente e de divulgación, porque é o momento e xerar un cambio, porque estamos ante unha situación que debemos cambiar”.