Filmei paxaros voando da realizadora Zeltia Outeiriño abrirá o vindeiro 15 de outubro a segunda edición do ciclo A lingua galega no cinema que organiza a Universidade de Vigo, co apoio da Deputación de Pontevedra e do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, e que se desenvolverá ata o 5 de novembro no auditorio do edificio Cambón, do casco vello vigués. Precisamente a cineasta galega e egresada pola UVigo, será a protagonista do coloquio posterior á proxección do documental, no que afonda nas súas raíces familiares e co que gañou, entre outros galardóns, o Premio Mestre Mateo 2025 ao Mellor Documental.
“Este ciclo non só será unha ocasión para ver obras audiovisuais de alta calidade, senón tamén para reflexionar sobre a lingua galega no ámbito do cinema cunha serie de charlas-coloquio que seguirán ás proxeccións e que contarán coa presenza de recoñecidos directores e guionistas, algún deles afincados na provincia de Pontevedra, como Fon Cortizo ou Coral e Laura Piñeiro, ou películas gravadas na provincia como Antes de nós de Ángeles Huerta, gravada entre Rianxo e Pontevedra ou Filmei paxaros voando de Zeltia Outeiriño, filmada case enteiramente en Vigo”, destaca o director e crítico de cinema e coordinador do ciclo, Simone Saibene.
As proxeccións continuarán o 22 de outubro coa Antes de nós de Ángeles Huerta, unha longametraxe centrada nalgunhas etapas da vida de Castelao, a través da relación coa súa muller, Virxinia. Desta volta será a actriz Cristina Iglesias a que protagonizará o coloquio posterior á proxección, que comezará, ao igual que o resto do ciclo ás 19.00 horas. Pola súa banda, Prefiro condenarme, a obra de Margarita Ledo Andión, que parte dun xuízo por adulterio contra unha mariscadora da ría de Ferrol, durante a ditadura, en 1972, chegará á pantalla do edificio Cambón o 29 de outubro. Finalizada a proxección da súa última obra audiovisual, a docente, xornalista e cineasta conversará cos asistentes.
“A primeira edición do ciclo, celebrada o ano pasado, contou cunha notable acollida, e nesta etapa promete seguir sorprendendo coa proxección de películas, documentais e curtametraxes que exemplifican o gran momento que está a vivir o cinema galego”, sinala vicerreitora de Extensión Universitaria da UVigo, Susana Reboreda.
Cinco curtametraxes para pechar
O ciclo rematará o 5 de novembro coa proxección dunha selección das curtametraxes galegas máis premiadas dos últimos tres anos, realizada polo organizador das sesións, Simone Saibene, e polo programador Severiano Casalderrey. Na pel da memoria de Coral e Laura Piñeiro; To bird or not to bird de Martín Romero; Historia do meu pequeno mundo de Pablo Fontenla; Pura de Carmen Méndez e Abellón de Fon Cortizo son as cinco curtas coas que o ciclo baixará o pano. A entrada a todas as proxeccións é de balde ata completar a capacidade do auditorio.