Un concerto histórico en Vigo: os timbais da extinta Banda Municipal soarán este venres de novo

Publicidad

O pasado xoves presentouse na Biblioteca da EMAO de Vigo a publicación "Os timbais da Banda Municipal de Música de Vigo. Historia musical de Vigo a través dunha publicación", editado pola Orquesta Clásica de Vigo e na que participan Pablo Abreu, Alejo Amoedo, David Rodríguez e Manuel Martínez Torres, autores que abordaron a importancia destes timbais desde os seus respectivos campos. A realización da publicación conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da liña de axudas para edicións do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, correspondente ao ano 2021.

A publicación recolle o proceso de localización, identificación e restauración dos timbais da Banda Municipal de Música de Vigo (formación extinta). O editor Manuel Martínez comenta que "os timbais atopábanse nun estado de deterioro e maltrato moi acusado e a premisa foi a de eliminar todos os elementos que danaban a integridade dos instrumentos. Devolvémoslle así a súa esencia para que poidan recuperar a utilidade como instrumentos, pois a maior homenaxe que lles podemos facer é facelos soar de novo".

Este obxectivo está enmarcado na liña da Clásica de recuperar e poñer en valor o patrimonio cultural de Vigo. "Os timbais, que resultaron ser de 1913, levaban 30 anos esquecidos nun faiado e este traballo buscou aproveitar este proceso de restauración para dar a coñecer todo o patrimonio musical e simbólico que os rodea", destaca o editor.

Nesta publicación, Martínez recolle todo o proceso de restauración que levou a cabo para chegar ao estado actual dos timbais. Pablo Abreu realiza unha revisión histórica do contexto sociocultural e musical do Vigo da década de 1910, abordando a importancia das tendas de música locais e das sociedades, que supoñen o xermolo para que xurda o interese e hábitos pola música. Pola súa parte, Alejo Amoedo traballa sobre a figura de Mónico García de la Parra, o director que chega á cidade en 1913 e revoluciona o panorama musical modernizando e elevando a formación a unha das referentes do Estado. Esta figura será fundamental para entender a compra dos instrumentos pois, grazas ao cambio de repertorio e profesionalización da entidade, foi preciso renovar material e ampliar as familias musicais. Finalmente, David Rodríguez recolle no seu artigo o proceso de catalogación e identificación dos instrumentos que levou a cabo para asesorar, como experto, na restauración.

Mozart esencial

Mentres o libro publicado persegue achegar ao público a información para comprender e valorar o pasado musical da cidade, a propia restauración ten como finalidade que os instrumentos volvan a ser usados para facer música. Así, os timbais recuperados soarán no concerto "Mozart esencial" grazas ao percusionista David Rodríguez.

Trala "obertura" do concerto de Entroido, a tempada Correspondencias comeza o vindeiro venres 18 de marzo (20:30h) no Teatro García Barbón de Vigo cunha proposta clásica centrada na música de Mozart. O concerto será un monográfico do autor no que se interpretará a sinfonía 35 "Haffner" e o Concerto para fagot e orquestra en si bemol maior, que será interpretado polo recoñecido fagotista Manuel Veiga, primeiro fagot da Real Filharmonía de Galicia. Deste xeito, búscase entender a súa importancia para a consolidación do son da orquestra e conectar co Mozart máis esencial.

Venda de entradas

As entradas para este concerto e os demais incluídos na temporada Correspondencias da Clásica xa están á venda en Ataquilla.com. O prezo para menores de 16 anos será de 5 euros co obxectivo de promover a asistencia do público familiar aos concertos. Ao mesmo prezo tamén estarán dispoñibles para menores de 30 anos na billeteira do teatro ou auditorio antes de cada concerto.

Abono tres butacas

A Clásica mantén aberto o prazo de compra do "Abono tres butacas" a un prezo de 40 euros. Está dispoñible na web e, presencialmente, na librería Versus (rúa Venezuela, 80, Vigo).

Salir de la versión móvil