Un dos divulgadores científicos máis relevantes de fala hispana abre a Semana da Educación de Tomiño

José Manuel López Nicolás estará en Tomiño // TWITTER @ScientiaJMLN

Publicidad

A Semana da Educación de Tomiño quenta motores para celebrar nos vindeiros días a súa oitava edición. O encargado de dar o pistoletazo de saída a esta nova cita será José Manuel López Nicolás, un dos divulgadores científicos máis relevantes a nivel estatal e autor do popular blog Scientia, un dos máis premiados e visitados no campo da divulgación no ámbito hispano.

López Nicolás abordará o vindeiro luns 6 de febreiro (19:00 h) no auditorio de Goián un tema de grande interese e actualidade: as verdades e mentiras dos alimentos do século XXI. Ao longo da conferencia, este experto botará luz sobre os mitos e realidades que rodean a alimentación actual, analizando a efectividade da maioría dos alimentos que se atopan no supermercado e desmontando os alimentos ‘sen’ e ‘con’, centrándose naqueles máis solicitados pola poboación. O divulgador pechará o encontro propoñendo solucións para que as persoas consumidoras saiban enfrontarse á publicidade enganosa.

“Comezamos unha nova edición da nosa xa tradicional Semana da Educación cun tema que preocupa moito a pais e nais, como é a alimentación dos seus fillos e fillas”, explica a alcaldesa, Sandra González. A rexedora convida á veciñanza a participar nestas xornadas que cada ano achegan a persoal docente e educador, familias e público en xeral moi diversos aspectos relacionados co mundo da educación, “ofrecendo novas visións e resolvendo moitas dúbidas que son inevitables que xurdan na crianza de nenos e nenas”.

José Manuel López Nicolás é catedrático de Bioxeoquímica e Bioloxía Molecular na Universidade de Murcia, investigador, docente e membro da Academia de Ciencias da Rexión de Murcia, ademais de Vicerreitor de Transferencia, Comunicación e Divulgación Científica da Universidade de Murcia dende 2020. Participante en numerosos congresos e en diferentes proxectos de investigación nacionais e internacionais, López Nicolás destaca que “aínda que as publicacións científicas son absolutamente necesarias, tamén o é divulgar a ciencia de xeito comprensible para todo tipo de público”.

Escritor de varios libros e colaborador como divulgador científico en numerosos programas de diferentes canles e medios de comunicación, por mor da súa traxectoria divulgativa obtivo numerosos galardóns e recoñecementos, como o Premio Tesla 2013, o Premio Bitácoras ao Mellor Blog de Ciencia 2013 ou o Premio Prisma Especial do Xurado pola súa traxectoria no ano 2021.

As xornadas da VIII Semana da Educación de Tomiño serán de balde e celebraranse no auditorio municipal de Goián. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse xa a través da web municipal (premer aquí). Para apoiar a conciliación e facilitar a asistencia de pais e nais, haberá servizo de canguraxe gratuíto para as persoas que o precisen dende o inicio ata o finalo das charlas.

Salir de la versión móvil