Un espectáculo circense súmase aos atractivos do Morrasound

Publicidad

O Mirador de A Fontenla é unha desas xoias descoñecidas da área de Vigo. O Morrasound abre e descubre este inmenso balcón sobre a ría de Vigo para gozar dunha paisaxe case única, un lugar idóneo para contemplar o solpor, a inmensidade da urbe galega e a ponte de Rande. Nese decorado celebrase un ano máis -e xa van catro- este festival que afronta una edición diferente, emotiva. A Asociación Cultural A Fontenla, o colectivo que deseña con mimo o evento, perdeu este ano a un dos pais do Morrasound. Paco de Chuco morreu poucos días despois da presentación do cartel desta cuarta edición, un cartaz no que el é o protagonista. Coma homenaxe, un escenario levará o seu nome e proxectaranse na pantalla LED xigante unha mostra de fotografías para lembralo.

Morrasound 2019, do que xa vos falamos do seu “menú” musical fai varias semanas, non contará finalmente coa competición “Speed & Style”, unha modalidade coa que o festival cubría a súa aposta polos deportes urbáns. A organización lamenta a perda, pero cubre esta vacante na programación cun espectáculo circense que representará Kanbaiota Troup, un show dun incrible nivel acrobático acompañado de moito humor e inesperadas sorpresas. Malabares, danza, circo e maxia son as ferramentas destes artesáns do espectáculo que formarán parte do ceo de Domaio e da paisaxe da ría de Vigo.

O festival moañés tamén con xornada diúrna na que as nenas e nenos son as grandes protagonistas. A organización preparou unha zona de carpas con obradoiros moi diversos enfocados para a rapazada, para que as familias poidan gozar dunha boa xornada de música, teatro e animación.

No eido musical, o evento que organiza a Asociación Cultural A Fontenla aposta para a súa cuarta edición polos ingleses The Brew, O’Funk’illo, The Limboos, Familia Caamagno, Kings of the Beach, Los Vinagres, Lou Reyes, Yo Diablo, Arrythmia, Spoonful e The Lelli Kelly’s. Pero Morrasound non só é rock. A cita que terá lugar no Mirador de A Fontenla tamén permite gozar das mellores propostas de artes escénicas. E a súa marca de identidade. Este ano, o público poderá asistir ás representacións de Píscore mentres que a cativada poderá gozar con Peter Punk -o pallaso oficial do festival- e con Patty Difusa Pallasa.

O Morrasound inclúe un mercado no propio recinto do evento para que os artesáns, a hostalaría e o comercio comarcal poidan favorecerse da afluencia de público para ofrecer servizos de comida, zona de mercado, artesanía ou moda.

Os abonos para asistir a esta cuarta edición do Morrasound poden adquirirse de forma anticipada na web do festival (premer aquí) polo prezo de 20 euros mentres que as entradas por día teñen un custe de 15 euros, en ambos casos cun 10% de gastos de xestión. O prezo na billeteira será de 28 e 20 euros respectivamente.

Salir de la versión móvil