Un mes "de magosto en magosto" con castañas gratis en Moaña

Publicidad

Moaña iniciará este sábado, 26 de outubro, o que poderíamos considerar como un “ciclo” de magostos que, ao longo dun mes, encherá de foliadas, castañas asadas e moita festas as parroquias do municipio.

A iniciativa, que partiu da Concellería de Comercio e Turismo dirixida por Coral Ríos, busca coordinar os magostos de outono que organizan as diferentes asociación culturais á vez que se axuda economicamente na súa organización. “Entramos como coorganizadores e logramos que se celebren cinco magotos sen solaparse potenciando cada un deles”, explica Ríos.

Deste xeito, a primeira cita terá lugar o sábado 26 de outubro no Adro de San Bartolomeu, en Meira, onde se celebrarán actividades para a rapazada dende as 17:00 horas con obradoiros, un concurso infantil de postres e clases de baile tradicional galego. O serán e magosto comezarán, como tal, ás 20:30 horas cando se repartan as castañas de balde grazas a colaboración da Comunidade de Montes de Meira. Haberá tamén unha barra con bebida, choripán e empanadillas a prezos populares.

O mes de novembro arrancará co magosto de Tirán, que se celebrará o día 1 e incluirá un Samaín para os pequenos. Deste xeito, ás 18:00 horas terá lugar unha batucada na que os rapaces deberán ir disfrazados para realizar unha andaina polo Monte dos Remedios, que estará ambientado con temática de Samaín.

O magosto de Tirán comezará ás 19:00 horas con castañas de balde e barra para refrescos e viño a prezos “simbólicos” e concerto dende ás 20:00 horas.

O 16 de novembro chegará o magosto ao Adro dos Milagres, en Berducedo, cunha foliada que arrancará ás 18:30 horas con castañas asadas de balde. Haberá tamén bebida e chourizos asados con pan.

O Peirao da Mosqueira, en O Con, contará co magosto serán do Real, que terá lugar o 23 de novembro dende as 18:00 horas. Castañas asadas, chourizos, pan e viño de balde estarán a disposición dos que se acheguen a este serán que contará con grupos folclóricos da contorna.

Por último, novembro finalizará co derradeiro magosto que terá lugar no Centro Cultural Rosalía de Castro de Domaio. Arrancará ás 18:00 horas do día 30 de novembro en formato foliada e contará con castañas asadas e viño con mel, ademais de chourizos e pan de balde.

A iniciativa dos “Magostos en Moaña” celebrase de forma conxunta por vez primeira e na súa presentación contou, ademais de coa presenza da concelleira de Turismo Coral Ríos, con Paco Ferreira, presidente da Asociación de Veciños de Tirán, Carmen Fernández, presidenta da Asociación Cultural e Folclórica Charaviscas de Domaio, Pili Álvarez, presidenta da Agrupación Folclórica Breogán, María Santomé, presidenta da Asociación Folclórica A Solaina, e Chus Fernández, presidenta de Meiramar Axóuxeres.

Salir de la versión móvil