Un sábado diferente nunha nova Xuntanza Cabalar de Chans en Bueu

Publicidad

O vindeiro sábado, 16 de xuño, desenvolverase a V Xuntanza Cabalar de Chans, organizada pola Asociación Cabalar “Ponte ás catro patas”, coa colaboración do Concello de Bueu. A ruta comezará ás 16 horas cunha saída ata Ermelo, e volta a Chans en torno ás 22.30 horas para unha cea conxunta.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou na rolda de prensa celebrada o pasado luns que “é unha honra para o Concello contar con tantas e variadas iniciativas impulsadas dende as diversas asociacións do municipio”. Víctor Domínguez, vicepresidente da Asociación Cabalar destacou que “teremos unha ruta de preto de 30 quilómetros e 3 horas de duración para as persoas amantes dos cabalos”.

As previsións son que se superen as máis de 200 persoas que cabalgaron o ano pasado, xa que a resposta é cada vez máis activa por parte dos afeccionados da contorna e de fóra de Bueu.

As inscricións están abertas ata este mércores,13 de xuño, por un custe de 25 euros por persoa (a partir de 12 anos) a través dos teléfonos 661 203 331 (Chuco) e 655 716 938 (Roke). Dito prezo incluirá un bocadillo para cada xinete e unha gorra, ademais dunha cea composta de petiscos (mini - hamburguesa e lacón á galega), paella, croca con patacas ou ensalada, sobremesa e café. Ao remate, haberá sorteo de produtos de hípica e agrícolas da man de establecementos colaboradores e animación a cargo dun DJ.

No acto de presentación que tivo lugar o pasado luns tamén estiveron presentes Lorena Pastoriza, secretaria da Asociación Cabalar e Eugenio Martínez, vogal.

Salir de la versión móvil