Moaña volverá a acoller este próximo mes de xuño a Festa da Diversidade, unha cita pioneira na comarca do Morrazo que celebrará a súa sexta edición ampliando escenarios de celebración pero mantendo a súa aposta pola visibilización e o respecto nun ambiente festivo pero tamén reivindicativo.
A iniciativa, organizada polo Concello de Moaña, arrancará o 2 de xuño nos xardíns da casa consistorial cun pregón a cargo de José Carlos Soto Bermudez ás 20:00 horas e o espectáculo poético musical “Todas as formigas percorréndome en mandas” da man de Alba María e Andrea Nunes ás 20:30 horas.
A programación do sábado 3 de xuño comezará cunha andaina dende a Praza do Concello ata o Beque co colectivo Facendo Camiño, un grupo deportivo social creado co obxectivo de fomentar a inclusión no deporte do colectivo LGBTQ+.
Ao rematar a ruta, comezarán os actos no propio recinto do Beque e na Talangreira, o espazo reaberto recentemente e que colabora este ano na celebración da festa. Alí o Concello organizará diferentes actos ao longo do día. Haberá tamén un stand informativo de Codimo (colectivo diverso do Morrazo) e unha sesión vermú amenizada por Sandra Nufi DJ ás 12:30 horas.
A partir das 13:30 horas terá lugar un xantar romaría popular, na que cada persoa pode levar a súa propia comida. Xa pola tarde, ás 16:00 horas, a mestra de cerimonias Angélica Venérea porá en marcha un Bingo Travesti e un Mashup de Verbena, que darán paso un show drag a modo de batalla entre as drags Angélica Venérea e Charlot Bennet. De xeito pararelo, ás 17:30 horas o colectivo Facendo Camiño realizará unha intervención no espazo recreativo e ás 18:00 horas terá lugar a presentación do libro “Nós, xs inadaptadxs”, unha escolma de relatos do movemento LGTBIQ+ de Galicia, con Antón Lopo, Daniel Amarelo e Xácia Ceive.
A festa continuará ás 18:30 horas cunha Foliada Diversa con María Soliño e As Salgharitas como agrupacións invitadas e un concerto de De Vacas ás 22:00 horas. Por último, a xornada rematará cunha sesión Dj Peformance de Ariezz.
Ademais, durante esta xornada a Talangreria do Beque ofertará as prazas do albergue e habilitará unha zona para a acampada libre.
>>> O concerto de Fransy, Davide e Cibrán múdase pola actuación de De Vacas á mesma hora.