Un mundo diferente, unha Culturgal distinta. A gran festa da cultura galega adáptase aos tempos de pandemia. Convértese no mellor exemplo de que a cultura é segura e asociase co mundo virtual para volver amosar o gran potencial creador do noso país. Será unha fin de semana distinta, pero cheo de cinema, de música e de actividades que poderemos gozar na nosa propia casa.
A través da web cultur.gal (premer aquí) e das canles de youtube, o pùblico poderá escoller entre os contidos da Canle Libro, a Canle Foro ou a Canle Escena. Na primeira, Manuel Rivas, Ledicia Costas, Berta Dávila, Antón Patiño, Miguelanxo Prado, Alberto Vázquez, Kiko da Silva, Suso de Toro e moitas máis. A xornalista Esther Estévez, presentadora do espazo Dígocho Eu da TVG, condúcenos por escenario en 2020, retransmitido online desde o Teatro Principal de Pontevedra. Novidades e xéneros, conversas, os premios do ano, e, por suposto, propostas temáticas ao redor das grandes cuestións derivadas da pandemia que preocupan a creadores, empresas, institucións e sociedade, en xeral. Desde a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra, o Espazo Foro acolle performance, poesía ou artes escénicas. Tamén encontros ao redor do galego no ensino, na xustiza ou na televisión. Incluso tempo de ópera e breakdance. O Foro da Culturgal 2020 convértese nun espazo de representación, reflexión e encontros ao redor da creación artística e dos xeitos de traballar e incidir na cultura galega que ven, nun contexto marcado pola COVID-19. Mónica Mura, o CDG, Carlos Varela, Rosalía Fernández Rial, Marta Pérez, Antón Reixa, Aldaolado, Ana Romaní, Vella Escola e moito máis no Foro Culturgal 2020, unha canle conducida pola actriz Iria Sobrado.
Na Culturgal 2020, a Escena, con transmisión ao vivo desde o Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra, é ben variada pensando en músicas para toda a familia: desde o espírito punk até o ritmo de big band pasando polo jazz e os nomes máis coñecidos do folk como Luar na Lubre ou Susana Seivane cos seus respectivos espectáculos do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, sen esquecer os espectáculos para a cativada e as súas familias. Dous días de música ao vivo, sábado 28 e domingo 29 de novembro, que chegarán a casa na busca da excelencia, cun son e realización envolvente. A actriz Diana Sieira será a encargada de ir presentándoo.
A sala de cinema, a única exclusivamente presencial
Se en todos os espazos Culturgal, ademais da transmisión online hai cabida para o aforo máximo de público permitido polas medidas sanitarias, no caso do Cinema a participación do público será só e exclusivamente presencial. Títulos de luxo do cinema galego na programación 2020. Catro longametraxes de ficción e dous documentais proxectaranse no Pazo da Cultura de Pontevedra coa presenza de directoras, produtoras e reparto. O pase de Ons, de Alfonso Zarauza, con concerto da banda Chicharrón, será evento especial da xornada de apertura da Culturgal, este venres 27 de novembro. A illa das mentiras, de Paula Cons, Arima, de Jaione Camborda, Longa noite, de Eloy Enciso, e os documentais Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío e A media voz, Heidi Hassan e Patricia Pérez Fernández, forman parte da proposta cinéfila da Culturgal coordinada por AGAPI.