Unha demostración de elaboración de pementón artesá, novidade da Feira ECOartesá de Moaña

Publicidad

Este domingo, 20 de maio, Moaña celebra novamente a súa tradicional Feira ECOartesá que cada primavera e outono enche o municipio de valores ecolóxicos e naturais de toda Galicia.

Nesta edición están xa confirmados preto dun centenar de postos de produtos “eco”, agrícolas ou de artesanía galega. Todos eles estarán instalados na contorna do palco da música entre as 11:00 horas e as 21:00 horas. Entre as novidades, atópase un posto no que se explicará aos asistentes as bases e técnicas para elaborar pementón caseiro e ecolóxico. Os artesáns elaborarán en vivo esta especia nun muíño de pedras de granito. 

A programación de actividades que xirarán en torno a música e a gastronomía arrancará ás 12:30 horas co desfile e actuación da AFC Solaina de Berducedo. Xa ás 16:00 horas os nenos e nenas do que visiten a feira terán a oportunidade de montar e fotografar os cabalos de ADOC.

A charla desta edición xirará en torno ao queixo artesán da man de Carlos Malvido “Chey”, membro da sociedade cooperativa A Meixoeira que, con sede en Moaña, dedícase á cultivos ecolóxicos ou queixo artesán. Ás 18:30 horas todos os que se atopen na Praza de Abastos –que estará aberta ao longo de toda a xornada- poderán degustar un roscón de balde namentres que ás 19:00 horas a música virá da man da Banda de Música Popular Airiños do Morrazo.

A Feira Ecoartesá tamén contará, como de costume, con diferentes postos gastronómicos de pizzas artesás, crepes bretoas, pulpeiro, porco celta ou panaderías.

Música para os máis cativos

A rapazada tamén contará con programación especial nesta edición da Feira ECOartesá da man de Peter Punk e Brais das Hortas. Este dúo músico humorístico achegará a súa música fresca e irreverente co seu novo espectáculo infantil a partir das 17:30 horas no Palco da Música. Un cantante punk e un cantante infantil condenados a compartir escenario.

Os máis cativos tamén terán produtos pensados para eles e, entre o máis destacado, unha vaca inchable xigante coa que fotografarse.

Salir de la versión móvil