O impacto da terceira onda da pandemia provocou que esta fin de semana o público vigués non puidera gozar do mellor teatro en directo. A Sala Ártika, un dos bastións culturais dende que se desatou a emerxencia sanitaria xa hai case un ano, viuse obrigada a pechar as súas portas debido as últimas restricións aplicadas pola Xunta que impoñen a clausura das salas culturais.
O peche do espazo cultural situado na Avenida de Beiramar non supón a suspensión da programación prevista para estas tres semanas nas que estarán vixentes as medidas aprobadas a semana pasada polo Goberno galego. Porén, a Sala Ártika aposta tamén pola campaña “Non nos canceles” e opta polo aprazamento dos espectáculos. De feito, a intención é volver á actividade o sábado 21 de febreiro.
A programación para estes primeiros meses do ano segue apostando por unha liña de continuidade, abarcando teatro, danza e música, consolidando deste xeito a todo tipo de públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos que están circulando por Galicia e fóra das nosas fronteiras nestes momentos.
A compañía de Carmen Werner, Provisional danza, que recibiu a Medalla de Oro ao Mérito nas Bellas Artes 2020, foi unha das compañías afectadas por estas medidas e, finalmente, estarán na Sala Ártika o xoves 25 e venres 26 de Febreiro co seu espectáculo “¿Quien eres?”. Esta función está incluída dentro do circuíto da Rede de Teatros Alternativos, como tamén o está o espectáculo que retoma a programación o sábado 21 e domingo 22; “Lacura” de Impulso. Destaca, no ámbito familiar, á compañía Xixonesa ZigZag Danza con “Jardín Secreto”, aos madrileños Tarambana Espectáculo co musical “Emoticolors” e á compañía Luna Teatro Danza coa súa propia versión de “Blancanieves”.
No referente ás compañías galegas, Borja Fernández presenta o seu espectáculo “Salvador”. Este céntrase na figura dos avós, concretamente nos avós galegos emigrados a mediados do século pasado a Sudamérica, e do seu o impacto na historia recente na configuración das comunidades, familias e individuos contemporáneos.
E, como peche do trimestre, A Panadaría pecha a xira galega do seu espectáculo multipremiado “Elisa e Marcela”. A obra foi galardoada como mellor espectáculo nos Premios María Casares 2018 , e tamén mellor dirección, mellor texto orixinal e mellor actriz protagonista (Areta Bolado) nos mesmos premios. Premio Luísa Villalta para iniciativas culturais pola igualdade. XIV Premio LGTB Marcela y Elisa entregado polo Colectivo Alas A Coruña. Premio do público MIT de Ribadavia 2018 e Fetega de Carballiño 2018. Premio ex aequo a Mejor actriz (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman) no Fetega 2018,
O prezo das entradas para os espectáculos infantis é de 8 euros en venta anticipada e 10 euros en taquilla, mentres que para os espectáculos para público adulto é de 10 euros e 14 euros respectivamente. Dende a propia sala recomendan a compra anticipada debido a actual redución do aforo na sala.