A rapazada ten unha oportunidade fantástica para coñecer a importancia e a influencia de Rosalía de Castro na nosa cultura. Esta semana, na que o sábado fai 180 anos do nacemento da autora, o espectáculo de monicreques "A viaxe de Rosalía" chega a diversos puntos da xeografía galega, entre eles Vigo, Redondela, A Guarda e Tui.
É do teu interese: Un paseo literario polo Vigo de Rosalía de Castro
"A viaxe de Rosalía" é un recital onde da man da narradora e titiriteira Larraitz Urruzola e as súas maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, os asistentes coñecerán parte da obra rosaliana e algúns dos momentos máis importantes da vida desta insigne artista galega.
O espectáculo arrincou este martes en Padrón, ás 11:00 horas, cunha actividade escolar, e este mércores "A viaxe de Rosalía" estará en El Corte Inglés de Vigo a partir das 10:30 horas. O recital retornará ao sur de Galicia tras pasar por A Coruña e Santiago este venres, 23 de febreiro, no Multiusos Miñeiral do Crego de Chapela, en Redondela (18:00 horas) mentres que ao día seguinte, sábado 24, estará na Guarda para pechar as actividades arredor de Rosalía de Castro que conmemora a localidade baixomiñota. O 'tour' do espectáculo de monicreques rematará o martes 27 de febreiro cunha actividade escolar en Tui (11:30 horas).
"A viaxe de Rosalía", de Urdime, está destinado a un público de máis de seis anos. A duración do evento que produce e protagoniza Larraitz Urruzola é de 45 minutos.
Quen é Larraitz Urruzola?
Larraitz é actriz e creadora de propostas escénicas para público infantil e familiar desde o ano 1989. De formación autodidacta e cun longo percorrido por varias compañías profesionais de teatro e títeres, destaca pola súa capacidade de conexión e comunicación co espectador. Domina varias técnicas de manipulación de títeres tanto para artes escénicas como para o formato audiovisual: Variña, sombras, guiñol, marionetas de fío, luz negra, monicreques de luva e mesa, bunraku… Ten versatilidade estética e variada tipoloxía da voz á hora de proxectar os seus personaxes. Como artista e animadora sociocultural, realiza talleres utilizando o xogo dramático como recurso para contribuír á formación integral do individuo.