Inversa Teatro estrea “O Péndulo”, unha obra de teatro-documento que ten como referencia temporal e conceptual a sublevación militar de 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia. Unha das singularidades da obra é que este achegamento á nosa historia colectiva faise desde o persoal. Marta Pérez, codramaturga e actriz, trasládanos a experiencia do seu bisavó, Tirso Gómez Freijido, membro do Partido Socialista, republicano e presidente da Casa do Pobo da Cañiza que foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Outro veciño da localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia.
Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza e única muller que exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. María conseguiu salvarse do fusilamento no último momento alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea perpetua e rematou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.
A obra estrearase no Auditorio Municipal de Vigo o venres 4 de marzo ás 20:00 horas. O sábado 5 representarase na Casa de Cultura da Cañiza, ás 21:00 horas. As seguintes funcións terán lugar o día 11 de marzo no Auditorio Manuel Dopazo de Silleda e o sábado 26 no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar.
Ficción e realidade
En escena conviven ficción e a realidade. Aínda que todo que se conta é real. Marta Pérez interprétase a si mesma no proceso de investigación do que en verdade aconteceu co seu bisavó e co resto dos represaliados. Sobre as táboas revísase o ocorrido a partir de documentos e testemuños reais.
Nerea Brey e Rosa Puga Dávila encárganse da recreación de feitos históricos e da intrepretación de personaxes como a alcaldesa María Gómez, Pura Martínez Garrido (filla do alcalde Martínez Garrido), Urania Mella, Fina Manjón (irmán dun dos fusilados que aínda está viva), veciñas, tías e mesmo a avoa e a bisavoa da dramaturga.
O rol das mulleres
A decisión de contar cun elenco integramente feminino responde ao feito de que a través das mulleres da súa familia é como Marta puido acceder ao seu pasado. É por isto que son as mulleres as que narran todo o que acontece. Este punto de vista que Inversa presenta sobre as táboas ten que ver coa propia filosofía da Compañía, que xa desde o seus inicios no 2009 tivo unha intención deliberadamente feminista.
Para a creación desta peza, desenvolveuse un proceso de investigación no que se recompilou documentación en diferentes formatos: escritos, fotografías e audios —seleccionados do proxecto ‘Nomes e Voces’ da Facultade de Historia de Santiago de Compostela— que recollen testemuños sobre a Guerra Civil e a represión franquista en Galicia. Entre estes documentos escritos atópanse as cartas que os presos enviaban ás súas familias desde o cárcere.
Tamén se conta con material da causa 432/36 extraído do Arquivo Militar de Ferrol, como as sentenzas de morte, a transcrición do xuízo, os interrogatorios ou os escritos do fiscal.
Apórtase ademais outra documentación como as altas no Partido Socialista, xornais da época e fotos de diferentes arquivos fotográficos tanto familiares como da colección Bacelar de A Cañiza.
Convite á reflexión
‘O Péndulo’ pretende facer xustiza e "denunciar o fascismo sen caer no panfletario". A peza pretende convidar ó publico a reflexionar e a confrontar as diferentes perspectivas, para que despois articule as súas propias conclusións.
O obxectivo primeiro desta proposta, confesa Marta Pérez, é amosar un silencio que se ven perpetuando dende moitas xeracións. “Creo que por fin esta xeración xa está preparada para falar disto. E só falando poderemos sanar o presente e procurar un futuro no que non se repitan os mesmos erros”, comenta.
‘O Péndulo’ baséase na historia da familia de Marta Pérez, pero é tamén a historia de "moitísimas" familias de Galicia. “É importante non esquecer que a memoria non só é coñecemento, que tamén é identidade. Poder expoñer isto enriba dun escenario é sacar un tapón de silencio”, engade a actriz e coautora da obra.