Dous elementos fundamentais para entender a nosa cultura expóñense en Vigo. Dous oficios tradicionais como a artesanía e a cerámica convértense en exposición na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. A mostra, que estará dispoñible ata o vindeiro mércores 26 de febreiro na sala Rosalía de Castro, permite mergullarse no traballo da zoqueira Elena Ferro e da ceramista Paula Ojea. Ambas foron premiadas recentemente e durante estes días as súas obras pódense contemplar no edificio situado no Casco Vello vigués. “A exposición busca pór en valor aos Premios Nacionais de Artesanía Paula Ojea e Elena Ferro, da cerámica e zoquería. Mulleres moi potentes que herdaron aprendizaxe familiar”, sinalou na rolda de prensa Carmela Silva.
O outro elemento chave desta iniciativa de aposta polo patrimonio cultural galega será o desfile de traxe tradicional que terá lugar este venres 21 de febreiro, ás 20:30 horas, e que converterá a sede da institución provincial en Vigo nunha auténtica pasarela de moda. Carmela Silva e o representante da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, José Luis Rodríguez, detallaron como será un evento que ten o aforo practicamente completo. Carmela Silva avanzou que “mesturará o carácter lúdico e didáctico coa posta en valor, a conservación e a difusión do patrimonio da nosa terra”. A presidenta da Deputación sinalou que os preto de 60 traxes de muller e home dos séculos XVIII e XIX que desfilarán este venres “son marabillosos”.
Pola súa banda, o representante da Asociación Etnográfica Sete Espadelas destacou que este venres van traer auténticos tesouros como “panos de manila de 200 anos que están nun gran estado de conservación”. Carmela Silva avanzou que vestirá un dos traxes tradicionais na pasarela que leva por título “Unha ollada polas arcas pechadas” e que terá lugar este venres a partir das 20:30 horas. A presidenta da institución provincial sinalou que ante o éxito do desfile xa traballan en facer outra pasarela dun evento que permitirá “reivindicar a nosa indumentaria e o seu papel como patrimonio inmaterial".