Co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro o próximo 27 de marzo, a Deputación de Pontevedra volve abrir o telón para sacar a acción escénica á rúa, con dúas funcións que se desenvolverán este venres 26 en Pontevedra e o sábado 27 en Vigo nos exteriores de ambas as dúas sedes . A Deputación se suma á conmemoración desta xornada "co fin de dar visibilidade a un sector moi castigado pola pandemia e que tanto precisa da proximidade do público", segundo explican dende a institución provincial.
Tanto a fachada da sede viguesa no Casco Vello como a do Pazo Provincial engalanaranse cun enorme telón veneciano en cor vermella que enmarcará ambas representacións, que se desenvolverán co estrito protocolo anti Covid da institución nos seus actos culturais. Deste xeito, o aforo está limitado a trinta personas no caso de Vigo e a cen persoas no exterior do Pazo. En caso de mal tempo, as funcións trasladaríanse ao interior. Debido a estas restricións, para asistir aos espectáculos, as persoas interesadas deberán reservar butaca no enderezo electrónico participa.cultura@depo.gal (cun máximo catro reservas por persoa).
A cita en Vigo terá lugar o sábado 27 da man da compañía Inventi Teatro, que representará no exterior da sede provincial do Casco Vello, a partir das 12:00 horas, a obra “A tropa do doutor Milagre”. Trátase dun espectáculo de rúa para todos os públicos con música, improvisación, xogo, baile, diversión, comedia e maxia. O protagonista da historia, un médico-inventor agoniado polas débedas e impulsado por unha necesidade imperiosa de facer fortuna, toma unha arriscada decisión: Facerse con un autobús abandonado para convertelo nun auténtico show de venta ambulante. Para esta aventura estará acompañado do seu fiel axudante, o pequeno Miñoca e a exuberante Madame Bobarí. A dirección da obra corre a cargo de Inventi Teatro e a protagonizan Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal.
En Pontevedra a función estará a cargo de Galeatro, que porá en escena a obra “Muiñada”, o venres 26 ás 18:00 horas en Pontevedra. Esta é unha montaxe dirixida ao público infantil e familiar (recomendada a partir de tres anos) que constitúe unha viaxe ao pasado para os nenos e nenas de hoxe. Dirixida por Davide González, con texto de Ana Carreira e interpretada por Alba Bermúdez e Tone Martínez, a historia de “Muiñada” protagonízana os personaxes de Sabela e Xacobe, que se encontran nun muíño de auga por un malentendido coas quendas e comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que as crianzas e quen non o son tanto se acheguen a unha edificación fundamental para a historia de Galicia. Galeatro é a primeira compañía de teatro profesional de Carballo e está especializada en público familiar. Compaxina a súa labor como produtora teatral coa formación en centros de ensino e diferentes concellos da provincia da Coruña.