Vigo celebrará o vindeiro venres "unha gran mobilización cultural" na súa Noite Branca

Publicidad

Vigo vivirá o próximo venres, 11 de agosto, “unha gran mobilización cultural”, nas verbas do alcalde Abel Caballero, na súa xa tradicional “Noite Branca. A xornada consistirá en celebrar a cultura a través de visitas guiadas, obradoiros, concertos e aperturas estendidas dos museos dependentes do Concello.

Deste xeito, os museos municipais -a Casa das Artes, a Pinacoteca, a Casa Galega da Cultura, o Museo de Castrelos, o Marco, o Verbum e os xacementos arqueolóxicos do Castro e de Toralla- abrirán as súas portas até as dúas da madrugada, namentres que o Museo Liste prolongará a súa apertura ata as 00:30h e ata as 23 horas farano o Museo do Mar e Naturnova.

Por outra parte, o Concello organizará até 37 visitas guiadas en todos os centros museísticos que ademais contarán con exposicións temporais. Destas visitas unha parte serán convencionais, pero tamén haberá de carácter lúdico e teatral. No xardín histórico do Pazo Quiñones de León de Castrelos, na Pinacoteca, na Casa Galega da Cultura, no Marco, no Museo Liste e nos xacementos do Castro e Toralla celebraranse tamén distintos obradoiros.

No apartado de oferta de visitas guiadas lúdico-participativas, Abel Caballero salientou "Atópame tras os enigmas", un achegamento á exposición "Divino Profano" no Museo de Castrelos a través dun xogo de investigación; a demostración de traballo en vidro no Museo Liste; "A busca imposible", un xogo de preguntas e respostas sobre a colección Fernández del Riego na Casa Galega da Cultura; e o "Verbum Creativo", no que o público asistente poderá interactuar cos artistas no centro museístico de Samil.

Concertos na Noite Branca de Vigo

A programación municipal para a “Noite Branca” se completa cunha decena de concertos en espazos expositivos. Nicolás Pastoriza tocará na Casa das Artes ás 20:00 horas, Iago Boente e María Jorge actuarán no Liste á mesma hora, Tincho Fernán estará no Museo do Mar ás 21:00 horas, a Orquestra Vigo 430 ocupará o xardín histórico do Pazo de Castrelos ás 21:30 horas e Arturo Álvarez, na Pinacoteca, ás 22:00 horas.

Ademais, o xacemento arqueolóxico do Castro recibirá a Su Garrido ás 22:00 horas, Cinta Adhesiva tocará no Verbum ás 23:00 horas e Antifrágil visitará o Marco á mesma hora. Wöyza con baile urbano tomarán o relevo en Príncipe á unha da mañá e Isuara, xunto a un dúo de baile, estarán na Casa Galega da Cultura – Praza da Princesa desde a medianoite. Todo, nunha xornada na que ademais a cidade colgará o cartel de “completo” nos seus hoteis coa celebración do Marisquiño, o evento de deporte e cultura urbana máis importante do noroeste peninsular.

Salir de la versión móvil