O parque forestal de Cotogrande en Cabral volve acoller este ano a XXXIV edición da Romaría do Pan de Millo. O próximo domingo, 28 de agosto, a partir das 10:00 horas, a romaría, que está recoñecida como Festa Gastronómica, regresa tras dous anos con novidades e apostando polo formato habitual. "Volvemos con moita ilusión, a xente ten moitas ganas de saír", explica o presidente do Centro Cultural de Cabral, Eduardo Comesaña.
Durante a xornada festiva ofrecerase aos asistentes diferentes pratos que poderán ser acompañados por un anaco de pan de millo. Así, os asistentes poderán atopar sardiñas asadas a 6 euros a ración; pan de millo normal a 6 euros o quilo, con pasas a 7 euros o quilo ou con noces e pasas a 8 euros o quilo; empanadas de millo (xoubas, chocos, bonito, zamburiñas, bacallau…) a un prezo de 20 euros o quilo e empanadas de trigo (berberecho, bonito, carne...) a 15 euros o quilo. Como novidade, nesta nova edición haberá tamén empanadillas de trigo (atún, polo…) a 1,50 euros.
Para acompañar esta degustación de pratos típicos da nosa terra, os interesados poderán desfrutar de viño que estará a 5 euros a botella. Ademais, a organización porá a disposición da romaría un pulpeiro para degustar o polbo á feira que terá a tapa mediana de polbo a 14 euros e a grande a 24 euros. Por outro lado, contarán cunha cafetería con "prezos populares".
Durante todo o día, o público desfrutará de música e baile tradicional coas actuacións do Grupo folclórico Peña Xuntanza e Banda de música U.V.C.D.Candeán ás 12:00 horas. Ás 17:00 horas terá lugar unha sesión con Dj, o Grupo de canto Loureiro Verde do C.C.R.Cabral e grupo de gaitas Cotogrande do C.C.R.Cabral. Para rematar a festa, o Grupo Mariachi “Amigos de Mexico” poñerá o broche final.
No marco da festa, poderase desfrutar da “Exposición dos produtos dos campos”. Esta exposición está conformada polos produtos da terra que achegan moitos dos visitantes, os cales reciben un agasallo e entran directos nun sorteo. Ademais, terá lugar un sorteo dunha tenreira ou 500 euros, que para poder participar nel é necesario a compra dunha rifa cun coste de 2 euros. Os sorteos faranse no recinto da festa ao chegar a noite. O recinto da romaría conta cun aparcamento totalmente gratuíto, ademais de inchables para os máis cativos, xogos e postos de doces.
Prezos dos pratos a degustar
- Sardiñas asadas a 6 euros a ración.
- Pan de millo normal a 6,00 euros o quilo.
- Pan de millo con pasas a 7,00 euros o quilo.
- Pan de millo con noces e pasas a 8,00 euros o quilo.
- Empanadas de millo (xoubas, chocos, bonito, zamburiñas, bacallau…) a 20 euros o quilo.
- Empanadas de trigo (berberecho, bonito, carne...) a 15 euros o quilo.
- Empanadillas de trigo (atún, polo…) a 1,50 euros.
- Botella de viño a 5 euros.
- Tapa mediana de polbo á feira a 14 euros.
- Tapa grande de polbo á feira a 24 euros.