Vigo contará nesta tempada cunha programación sinfónica e lírica “transversal”, en palabras do conselleiro de cultura Román Rodríguez, quen presentou onte o programa para 2017/2018 patrocinada pola Xunta de Galicia. Así, na cidade celebraranse 18 concertos que arrancarán no mes de outubro.
A programación sinfónica comezará o vindeiro 5 de outubro con Stravinsky e a 2ª Sinfonía de Gustav Mahler, baixo a batuta do mestre Dima Slobodeniouk á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia no Auditorio Mar de Vigo e continuará coa celebración o día 10 de outubro do concerto dirixido polo mestre Maximino Zumalave e dedicado integramente á música española. Outubro continúa o día 18 coa Real Filharmonía interpretando a Händel, Sibelius e Beethoven.
O 2 de novembro a Sinfónica achegará ao público vigués un programa triplo onde estarán Haydn, Tchaikovsky e Bartok. Para rematar o mes, o día 30, a Real Filharmonía con Jonathan Webb á cabeza ofrecerá obras de Krasa, Martinu e Dvoràk.
O 15 de decembro, de novo a Filharmonía, neste caso baixo a batuta de Antoni Wit, ofrecerá un programa con selo polaco, onde soarán obras de Moniuszko e Karlowicz, canda a sinfonía num. 34 en do maior de Mozart. O 21 de decembro Joan Company, director do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia porase á fronte da Sinfónica, Coro e Coro Xove para dirixir un programa con repertorio de Nadal con obras de Pachelbel, Vivaldi, Haendel ou Corelli, entre outros.
O 12 de xaneiro o director venezolano Manuel Hernández Silva situarase á fronte da Filharmonía para interpretar un orixinal e ecléctico programa que inclúe o brasileiro Villalobos, o mexicano Revueltas e o checo do barroco Johan Baptist Georg Neruda. Participará neste concerto o tamén venezolano e magnífico trompetista, Pacho Flores. Así mesmo, o 18 de xaneiro a Sinfónica estrará no Teatro AFundación un concerto para violín inédito en España da compositora finesa Kaija Saariaho, da man do prestixioso director estadounidense Dennis Russell Davies.
O 2 de febreiro a Filharmonía dirixida por Paul Daniel ofrecerán un programa que se despraza do romanticismo pleno cara ao postromanticismo e a música impresionista interpretando a Wagner, Scriabin e Debussy. Nesta liña, de novo a Filharmonía, neste caso baixo a batuta de Jonathan Webb, interpretará obras de Saint-Saëns, Chaikovsky, ou do menos coñecido, pero igualmente interesante compositor armenio, Edvard Mirzoyan.
En marzo, en concreto o mércores 7, a Filharmonía regresará con Haydn e, nese mesmo mes, neste caso o 22, a Sinfónica ofrecerá un programa clásico con Beethoven e Brahms, da man do violinista e director, David Grimal. Xa no mes de abril, o 12, a propia Sinfónica con Dima Slobodeniouk, o seu director titular á fronte, brindarán un espectáculo que incluirá obras de Bach e Mozart.
A tempada péchase o mes de maio con 3 concertos. O dia 3, a Sinfónica, baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez e con Roberto Prosseda ao piano, interpretará obra de Mendelssohn, Hindemith e unha obra de repertorio inédita en España do mallorquín Antoni Parera Fons.
Bach, Mozart e Arvo Pärt regresan ao Teatro AFundación o día 10 de maio co prestixioso director e pianista canario Iván Martín á fronte da Sinfónica. Como perfecto colofón, a programación 2017-2018 conclúe cun concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do virtuoso santanderino Jaime Martín, co excelente oboísta Lucas Macías, no que se interpretará a Ravel, Strauss e Stravinski.