Vigo viaxa ás orixes do folclore galego co espectáculo “Danza 3”

Publicidad

O “tridente” da cultura galega únese no escenario. O fan por un obxectivo común, poñer en valor o baile e a música tradicionais de Galicia. Como un viaxe ás nosas orixes. “Non queremos ser a xeración que perda toda esta cultura que se trasladou de boca a boca”, sinalaba Miguel Ángel Pena, de O Fiadeiro, na rolda de prensa de presentación de “Danza 3”, o espectáculo que reunirá sobre as táboas do Teatro García Barbón a un total de 120 persoas nunha posta en escena singular que será toda unha demostración de forza do que é a nosa cultura.

Esta proposta está formada polo colectivo XOC que conforman as agrupacións O Fiadeiro de Vigo, Xacarandaina da Coruña e Cantigas de e Agarimos de Santiago. Os tres conxuntos conformarán este “Danza 3” que chegará o vindeiro domingo 13 de outubro, ás 19:00 horas, no Teatro García Barbón.

O espectáculo contará coa participacións de bailaríns e músicos. 120 artistas que amosarán ao público vigués a riqueza da danza galega, da música que a acompaña e do vestiario co que se pon en escena. O proxecto “Danza 3” conxuga as claves que fundamentaron a recuperación do folclore galego e a súa consideración como un conxunto de saberes intrinsecamente valiosos cunha coidada posta en escena para favorecer a proxección social do devandito traballo cara á sociedade.

As entradas para asistir a “Danza 3” están xa á venda na web de Ataquilla e no teléfono 902 504 500 a un prezo único de 5 euros. As localidades tamén se poderán mercar no despacho de billetes situado no número 24 da rúa Policarpo Sanz.

A presentación de “Danza 3” tivo lugar na delegación territorial da Xunta en Vigo e contou coa presenza de Corina Porro, o director de AGADIC, Jacobo Sutil, representantes das tres formacións participantes -Miguel Ángel Pena de O Fiadeiro, Quique Peón de Xacarandaina e Pedro Brañas de Cantigas e Agarimos- e da coordinadora da área de Cultura de Afundación, María Teresa Cores.

O director de AGADIC, Jacobo Sutil, destacou que “a eficacia na protección e transmisión fidedigna das nosas raíces culturais pasa necesariamente por compartilas cos espectadores de hoxe en día a través de espectáculos tan coidados na estética como respectuosos coa tradición”. Pola súa banda, a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, invitou á veciñanza a desfrutar deste “espectáculo único” que considerou “que é moi necesaria nas cidades”.

Salir de la versión móvil