Vudú, a banda formada por Belém Tajes e Maritxinha, presentará este venres 15 de febreiro na Sala Son de Cangas o seu "Vudú Vol. III". O concerto, que dará comezo ás 22:30 horas, ten as entradas á venda a un prezo de 6 euros anticipada e 8 en taquilla. Esta é a primeira vez que o dúo edite un disco e faino completamente en galego, baseándose en letras tradicionais da música popular galega mesturadas con harmonías jazz e soul, percusións electrónicas e diversos efectos: unha proposta íntima e elegante para grandes pequenos momentos.
'Vudú Vol. III' supón o peche dunha triloxía e o inicio dunha nova etapa. Con el, Belém Tajes –teclado e voces- e Maritxinha –baixo e loops- preséntannos o seu primeiro disco editado, cheo de sons máis pop ca nunca, percusións electrónicas e os seus inconfundibles tintes de jazz e soul. Partindo de letras tradicionais que veñen directamente das súas avoas, Vudú atrévese nesta ocasión tamén con ritmos cercanos aos anos cincuenta en temas como ‘Xa me dixo’, a versionar cancións populares como en ‘Unha noite na eira do trigo’ e ‘Eu chorar chorei’ -o seu primeiro single- e tamén a presentarnos propostas de composición propia coma o é ‘Lingua’, que xira arredor das linguas minorizadas.
'Vudú Vol. III' foi gravado en Drum&Roll (A Coruña) e El Observatorio Musical (Madrid). Conta con Nicolás Viéites na produción musical e con colaboradores e colaboradoras moi especiais como Adrián Seijas (Misterioso viaje a Holanda, Xoel López) nas percusións ou Nata Álvarez (Swingdigentes) ao saxofón.
As localidades para o concerto de Vudú en Sala Son están dispoñibles na plataforma de Enterticket.