Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, prato forte desta semana no Baiverán de Baiona

Publicidad

A música en directo contará esta semana cunha cita de luxo en Baiona. Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre protagonizan a programación do Baiverán cunha concerto ao aire libre este xoves, 23 de xullo. Antes, humor e cinema citarán aos veciños e turistas. Todas as actividades desenvolveranse no Parque da Palma.

Este martes, ás 23:00 horas proxectarase en pantalla xigante o filme “O neno que puido ser rei”. O filme narra a historia de Alex, un neno británico de doce anos cuxos problemas diarios pasan a un segundo plano cando descobre a mítica espada Excalibur. Coa espada máis poderosa da historia en mans do estudante máis desvalido de Inglaterra, unha aventura épica comeza tendo en conta que Alex e os seus amigos terán que conter a unha vilá chamada Morgana, quen teima con destruír o mundo.

 

O mércores, tamén ás 23:00 horas, o humorista Xan Veiga trae ao Parque da Palma o seu monólogo “Aqueles marabillos anos”, un espectáculo no que se convida ao espectador a embarcarse nunha viaxe ao pasado para lembrar as desventuras dun galego calquera que traerá á memoria un bo feixe de costumes, ditos, xogos ou cantigas.

Xa o xoves, chegará o plato forte desta semana co concerto dun dos músicos galegos máis internacionais, Xabier Díaz, acompañado de “Adufeiras de Salitre”. Díaz trae a Baiona un espectáculo aplaudido dentro e fóra de Galicia no que dez músicos suben ao escenario para ofrecer un poderoso directo. Este concerto é tamén o xeito co que o Concello de Baiona busca celebrar este ano o Día Nacional de Galicia.

Todos os espectáculos estarán supervisados por un técnico de prevención que certificará que o espectáculo sexa seguro tanto para os profesionais que actuarán no Baiverán como para o público en xeral. Non existe reserva previa, polo que o aforo cubrirase segundo vai accedendo a xente.

Salir de la versión móvil