Xabier Díaz: "O concerto do Intercéltico do Morrazo de 2017 foi un dos máis bonitos da miña vida"

Publicidad

Este sábado, 24 de febreiro, o Auditorio Mar de Vigo será o primeiro recinto de Galicia escollido por Xabier Díaz para presentar o seu novo traballo, “Noró”. Na actuación non estará so, senón que compartirá escenario acompañado polos irmáns Gutier e Javier Álvarez, no acordeón e piano, e as voces das once cantareiras que compoñen “As Asdufeiras de Salitre”. As entradas, dende 12€, aínda poden mercarse en Ataquilla.

Díaz formou parte de Berrogüetto até a súa disolución en 2014 e colabora habitualmente en discos e concertos de artistas como Carmen París, Xosé Manuel Budiño, Kepa Junquera ou Guadi Galego. Coa escusa do seu novo disco, Noró –algunhas músicas do norte– quixemos falar con el do folclore galego e a súa visión da nosa música.

– Que nos atopamos en Noró?

– En Vigo terá lugar a presentación dos novos 13 temas, que veñen a completar a paisaxe que comezamos a debuxar cando sacamos “The tambourine man” hai algo máis de dous anos. É un disco que ten moito que ver con aquel primeiro, música tradicional, do norte peninsular. Non hai soamente música galega, tamén inclúe un tema zamorano e un leonés porque teño unha especial sensibilidade polo seu folclore. En definitiva, é a segunda entrega de “The Tambourine man”, mesmos músicos e mesmo formato, pero un disco quizais unha miguiña máis elaborado.

– Somos un tanto apátridas no norte?

– Somos algo apátridas no sentido en que estamos faltos dunha marca na que recoñecernos. O flamenco a ten. O fado a ten. Pero eu non me recoñezo no espectro celta como marca. O que si que é obvio e que o que temos é unha identidade brutal. Unha personalidade que nos fai tremendamente singulares no mundo. Nós estamos facendo xira en Galicia, pero tamén en Europa –Francia, Bélxica, Holanda, Suecia…- e neses mercados aprecian a nosa proposta por ser diferente. Eu creo que a música tradicional en Galicia ten moita personalidade, e isto é moi interesante para sobrevivir nun mercado globalizado.

– Que nos falta para acabar de dar o salto, os ingredientes están, é a mercadotecnia?

– Pode ser. Dende o meu punto de vista seguramente é preciso poñer en valor a marca noratlántica, do noroeste, e diferenciala un pouco máis dos que compiten en algo no que nos diluímos máis. Eu non vendo a miña como música estritamente celta nin do celtismo. Quizais precisamos unha marca máis propia.

– O disco é un canto de amor ao norte. Que ten o norte?

– Ten moitísimas cousas que acotío obviamos. Por frecuentes e comúns nos parecen que non teñen importancia. Por exemplo, temos un tesouro moi importante, do cal agora empezamos a ter conciencia, que é a auga. Tal e como está marchando este planeta, formar parte dunha zona na que a auga é un recurso é moi importante. Faime gracia cando os galegos, os meus veciños e amigos, quéixanse da chuvia. É como si os habitantes de Estocolmo dixeran ‘fai moito frío’. 

Son moi feliz en Galicia, non o cambiaría por nada.

A auga, pero tamén as cores que nos rodean, ese verde e azul tan marabilloso, a amabilidade da xente... Ademais, aquí hai música en todas partes, até no recuncho máis pequeno. Son moi feliz vivindo aquí, non cambiaría a miña residencia por nada, a pesar de que acabamos pagando prezo de sempre ter que coller un voo máis, por exemplo. A calidade de vida é marabillosa.

– Falando de auga, o ano pasado, no Intercéltico de Moaña tocaches contra todos os elementos –chuvia, equipos de son inutilizados–. Como foi esa experiencia?

– Foi falar da auga como virtude e agora lémbrasme aquel episodio no que se converteu nun problema. Eu quédome con algo marabilloso que é a resposta da xente. Non creo que haxa nada heroico na nosa actitude. Simplemente quixemos agradecer á xente que viña de moi lonxe, de Mondariz por exemplo, para escoitarnos. Subimos a aquel Palco da Música e contra todo prognostico, pensando que faríamos un par de temas como agradecemento, converteuse nun unpluged de 35 minutos coa xente cantando con nós e un respecto absoluto. Foi tan marabilloso que sempre o recordarei como un dos concertos máis bonitos da miña carreira.

– Nunha entrevista recente –Praza.gal– definícheste como un indie.

– Eu supoño que o termo é unha especie de descrición dunha tribo, dese grupo da mocidade máis moderna. En realidade, a mensaxe que garda é ser independente. Máis independente que nós... Seguramente sexa unha declaración non sei se de odio á palabra ‘pop’, un escapar dese xénero. Agora mesmo está deturpado, porque pénsase que facer música pop é algo malo. O que nos facemos é música popular, a raíz etimolóxica está aí, facemos pop, pero somos tan indies como o que máis porque somos os máis esquecidos dentro da música. As radiofórmulas ou os grandes medios non nos fan moito caso, pero aquí estamos enchendo teatros e agotando tíckets nas billeteiras. Hai moito prexuízo.

– Falando de prexuízos, un é que a música folclórica é soamente para xente maior?

– Si, nós temos un público tremendamente interxeracional. Hai moita xente moza que vén aos concertos. Tamén vén moita xente maior e moitos pícaros. Non acabo de entender porque o 80% da música que se fai debe estar vedada á xente maior. Máis nun país tremendamente envellecido como no que vivimos. Eu aprendín das músicas da xente maior, devolverlles esa música é unha obriga para min. Por outra parte, teño unha teima importante con que os concertos non sexan moi tarde para ter un target de público amplo.

– O teu coas Adufeiras de Salitre é xa unha historia de amor?

– Tamén, non podía ser doutra maneira. De amor, as veces de odio nalgún ensaio [risas], pero maiormente de amor. Foron moi xenerosas. Estou moi contento tanto coas Aduferias como cos irmáns Álvarez, que son os músicos cos que compartimos o concerto, pola súa xenerosidade, sacrificio, esforzo e fe que teñen neste proxecto. Non me equivoco se digo que eles me deron moito máis do que eu lles din a eles.

– A anterior colaboración, “The tambourine man”, recibiu múltiples premios. Cal é a fórmula do éxito?

– Tampouco sei onde está o quid da cuestión, nin cal foi a formulación que fixo que a xente se sentise atraída, que mercase moitos discos. Supoño que continuar o pulso popular da música tradicional, da música que foi de todos é importante. Música que ten certas características como ese retrouso, que é fácil de compartir co resto da xente, con melodías que sempre teñen capacidade de penetrar no subconsciente... non sei se hai algo de todo iso, pero algo fixemos para que funcionara ben.

O test de Xabier Díaz

O teu punto favorito de Vigo.

O Casco Vello.

Un artista das Rías Baixas imprescindible.

Treixadura.

A túa verba favorita en galego.

Asubío.

Un instrumento musical.

A pandeireta, sen dúbida.

Salir de la versión móvil