Xornadas gratuítas para xogar ao futbolín humano inchable, "paintball" ou á corda en Tomiño

Publicidad

Futbolín humano inchable, tiro de tiratacos ou "paintball". Estos son os xogos dos que poderá desfrutar a mocidade da Eurocidade Cerveira-Tomiño nunha fin de semana marcada pola "diversión deportiva e a celebración dos valores europeos". Os vindeiros 10 e 11 de xuño, o Skate Park de Goián, en Tomiño, e o Centro Municipal de Atletismo de Vila Nova de Cerveira serán os escenarios dos ‘Xogos Eurocidade – Sen Fronteiras’, un proxecto dirixido á mocidade entre 12 a 25 anos. 

"Inspirado na idea de Charles de Gaulle, que en 1965 creou a 1ª edición dos Xogos Sen Fronteiras que marcaría varias xeracións do século pasado, os 'Xogos Eurocidade - Sen Fronteiras' é un dos proxectos gañadores da edición 2023 do Orzamento Participativo Transfronteirizo", explican dende o Concello. Ademais de promover a implicación da mocidade en actividades deportivas e de lecer, este evento "mantén os obxectivos de fomentar a amizade, o compartir, a unión e a solidariedade entre os mozos de ambos concellos veciños a través de xogos tradicionais e probas típicas deste célebre evento europeo, adaptados aos recursos e deportes máis actuais", sinalan.

A mocidade participante formará equipos que, ao longo de dous días, competirán nun conxunto de desafíos, acumulando puntuacións para atopar o equipo gañador. Haberá torneo de tracción de corda, inchable de futbolíns humanos, xogo da illa e xogo big bags, xincana de bicicletas, tiro de tiratacos, inchable "basket challenge", xogos tradicionais, xogo do pneumático, xogo do pé atado, xogo do ovo na culler, xogo da malla, "Fun Games", "paintball" e "slide".

A participación é de balde. As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición a través da web da Eurocidade Cerveira-Tomiño ata o día 31 de maio.

Según explican dende o Goberno local tomiñense, este proxecto foi gañador do OPT Cerveira-Tomiño 2023 e asume "un forte compromiso en contribuír ao logro das metas dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas (ODS), nomeadamente no ámbito da Saúde de Calidade, que establece que, ata 2030, debe haber unha redución dun terzo da mortalidade prematura por enfermidades non transmisibles a través da prevención e tratamento, e unha maior promoción da saúde mental e benestar, así como reforzar a prevención e o tratamento do abuso de substancias, incluíndo o abuso de drogas e o uso nocivo do alcohol".

Salir de la versión móvil