Xulio Lorenzo, Pelepau e Uxía, cabezas de cartel do Aspenizasfolk máis solidario

Publicidad

A parroquia de Paramos, en Tui, continúa paseniñamente a recuperar a normalidade despois da tráxica explosión do pasado 23 de maio que afectou a centos de veciños e acabou coa vida de dúas persoas. Nesa volta a normalidade englóbase a celebración de eventos habituais, como Aspenizasfolk que chega este ano a súa sétima edición.

Este venres, 28 de setembro, e sábado, día 29, o entorno do Monte das Penizas acollerá á mellor música folk galega, dende as bandas máis consagradas ás formacións máis innovadoras e emerxentes, nun evento que terá carácter solidario.

A cita abrirase ás 21:00 horas do venres co recoñecido gaiteiro mosense Xulio Lorenzo, que volta ao festival para ofrecer a súa particular visión da música galega. Seguiralle na primeira noite os vigueses de Pelepau que conforman un dos máis afamados grupos especializados na adaptación dos temas de tradición galega á percusión.

Xa o sábado, as diferentes formas de interpretar e entender a música galega sucederanse ao longo de toda a xornada dende as 12:00 horas. Todo complementado cun xantar popular e postos de artesanía. Así, medía mañá pasarán polo recinto Os Treboeiros da Muimenta da Sobrada e Os Estralos.

A música volverá a partir das 20:30 horas despois da presentación por parte do actor e titiriteiro Andrés Giráldez. A maxia da súa palabra dará paso á maxia dunha das voces máis importantes da Galicia moderna, a da mosense Uxía. Cunha dilatada carreira que contempla a participación en máis de vinte discos, colaborou nos últimos anos en proxectos coma os musicais de Malvela e María Fumaça.

Seguiranlle na noite Repitroca coa súa visión dos grandes temas da música folk galega, Os Cuncheiros que emulan a continuidade dos vellos gaiteiros, e Os Carunchos, coa súa reivindicativa e sempre comprometida visión do país, a cultura e a lingua galega.

O recinto do festival contará cunha carpa e serviranse comidas populares: polbo, callos, chourizos... A recadación destas vendas será doada aos afectados pola explosión da pirotecnia ilegal.

Salir de la versión móvil