O Pavillón de Rodeira acollerá este sábado, 13 de xaneiro, unha clase colectiva de zumba co gallo de recadar fondos na investigación da quimioprevención. A actividade solidaria, convertida xa nunha tradición que celebra a sexta edición, está organizada pola Asociación de Diagnosticados de Cancro de Mama, Adicam, en colaboración co Concello de Cangas.
Amais de “fomentar hábitos saudables e lograr que os e as asistentes recarguen as pilas”, esta actividade busca financiar os estudos de quimioprevención que Adicam puxo en marcha fai dous anos e no que participa a Universidade de Vigo. Esta investigación partiu nun principio de varios proxectos internacionais nos que se mostraba a posibilidade de que a planta Bryophyllum tivera propiedades anticanceríxenas. Por isto, o custe para participar será de 3€, integramente doados para esta investigación.
Esperase que 150 persoas participen nesta clase que non require de preparación previa e que contará con cancións de todos os tempos, dende o merengue á cumbia pasando polo reguetón. Non hai cota de idade e pode participar calquera persoa. O evento comezará ás 20:00 horas da tarde do sábado.