Será unha pasarela colgante de 330 metros que revolucionará a conectividade e a mobilidade sostible no territorio.
O lugar no que máis próximas están as beiras do Miño no seu último tramo, onde se miran a fortaleza de Goián e o parque do Castelinho de Vila Nova de Cerveira, converterase nun espazo único no que as fronteiras se desvanecerán grazas a unha pioneira ponte peonil e ciclable que revolucionará a mobilidade e a forma de concibir o territorio.
Será coa creación dunha pasarela colgante de 330 metros sobre o Miño entre Tomiño e Cerveira que fusionará espazos para fomentar unha conectividade amable, sostible e sen barreiras, fundamental na promoción entre a veciñanza transfronteiriza dun estilo de vida saudable, consciente e respectuosa co medio ambiente. Dous concellos unidos por un espazo común e propio a través dunha ponte que potenciará os desprazamentos a pé e en bicicleta e que permitirá un acceso directo á estación de tren de Cerveira, conectando de xeito rápido e directo o Alto Miño luso e o Baixo Miño galego.
A ponte permitirá dar un paso máis cara a unha mobilidade natural coa que a veciñanza poderá gozar dunha contorna urbana máis amigable e achegarse un pouco máis ao inmenso anel verde transfronteirizo, máis de 400 quilómetros de vías naturais a ambas marxes do río coas que percorrer e descubrir o territorio a pé ou en bicicleta. Unha unión entre Tomiño e Cerveira que suporá o nacemento do primeiro parque transfronteirizo de Europa de case 26 hectáreas.
Dous países unidos nun só territorio a través dunha ponte colgante que suporá un revulsivo para a mobilidade no territorio e que se atopa encadrada nas actividades do proxecto Visit Rio Minho aprobado na primeira convocatoria do POCTEP 2014-2020. Este proxecto ten a súa continuación no Vive Rio Minho: “Promoción e dinamización do Anel Verde a través de actividades transfronteirizas para a preservación, cualificación e valorización ambiental”, cuxo beneficiario principal é a CIM Alto Minho, e que está cofinanciado nun 75% por fondos FEDER no marco da 6ª convocatoria (accións de capitalización) do INTERREG VA POCTEP 2014-2020. Nel participan tamén como socios a Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho.