O río Miño transfronteirizo aposta pola mobilidade sustentable para mellorar a calidade de vida e a cohesión social do territorio

Publicidad

O proxecto Smart Miño Plus adicará fondos europeos para desenvolver unha estratexia conxunta e crear unha rede de mobilidade sostible entre concellos transfronteirizos, con especial énfase nas eurocidades.

Poñer ás persoas no centro da planificación da mobilidade dun extenso territorio como o do Río Miño transfronteirizo, a fronteira ibérica máis transitada e a que ten un maior tráfico de vehículos entre España e Portugal. Ese é o obxectivo do Smart Miño Plus, un proxecto financiado con fondos europeos que busca artellar un plan de mobilidade sustentable que favoreza modos de desprazamento alternativos reducindo o consumo enerxético e as emisións contaminantes, ao tempo que se mellora a calidade de vida da cidadanía, o desenvolvemento económico e a cohesión social.

Deputación de Pontevedra, CIM do Alto Minho, AECT Rio Minho e Concello de Valença lideran esta iniciativa financiada con 342.640 euros de fondos FEDER coa que xa se está a traballar para promover fórmulas sostibles de mobilidade local transfronteiriza, convertendo o territorio nun referente europeo e facendo especial énfase nas eurocidades de Tomiño-Cerveira e Tui-Valença.

Neste camiño, o Smart Miño Plus porá en marcha diferentes proxectos enfocados en desenvolver alternativas de mobilidade sostible nos municipios transfronteirizos de Valeça-Tui e Caminha-A Guarda e dinamizará o e-Bike Rio Minho, un proxecto piloto para compartir bicicletas eléctricas entre os municipios das eurocidades. En total, 46 bicicletas xa dispoñibles totalmente de balde realizando unha tarxeta de persoa usuaria ou a través dunha App.

Pero o Smart Minho Plus non se centra soamente na mobilidade con vehículos alternativos, senón que avoga tamén pola mobilidade a pé. Faino a través de iniciativas como o proxecto de creación dun paso internacional de peóns sobre o río Miño que una os concellos das Neves e Monçao, o que permitirá conectar a rede de sendas verdes transfronteirizas a ambos os dous lados do río Miño.

Por outra banda, para promover o debate e a reflexión sobre o futuro da conectividade transfronteiriza no Noroeste Peninsular, o Smart Miño Plus organizará un Foro de mobilidade sostible no territorio do rio Miño no que se afondará sobre a escasa oferta ferroviaria coa que pasaxeiros e pasaxeiras contan na actualidade. O foro converterase sen dúbida nunha grande oportunidade para reforzar a confianza mutua entre institucións, organizacións e cidadanía para promover e reforzar este tipo de mobilidade, dando servizo tanto á poboación transfronteiriza como ao turismo.

Salir de la versión móvil