O tren como elemento de desenvolvemento do territorio do Río Miño Transfronteirizo

Publicidad

Coller o tren para ir ao cine en Vigo, tomar un viño en calquera dos municipios miñotos e ir traballar a algún polígono industrial do territorio. Esa é unha das demandas históricas nos municipios do Rio Minho Transfronteirizo, contar cunha infraestrutura ferroviaria que supere as fronteiras entre países, permita resolver a mobilidade cotiá e potenciar a conectividade sustentable cos concellos do seu arredor para servizos, lecer e industria.

A necesidade dun tren de proximidade entre Vigo e Viana do Castelo como elemento de desenvolvemento do territorio, atendendo á realidade socioeconómica e demográfica da zona, foi unha das cuestións abordadas no Foro de Mobilidade Sostible do Río Minho Transfronteirizo, un encontro organizado ao abeiro do proxecto Smart Miño Plus  – “Estratexia de cooperación intelixente Rio Minho Transfronteirizo’.

Dúas intensas xornadas nas que persoas expertas e investigadoras analizaron e debateron a gran viabilidade de contar cun tren intermodal traballado e consensuado cos axentes sociais do territorio non só como alternativa de mobilidade sostible, senón tamén como elemento crucial para o crecemento do territorio miñoto. Unha liña ferroviaria de proximidade facilitaría a mobilidade de persoas e mercancías, establecendo conexións estratéxicas entre municipios e con outras rexións e creando oportunidades de emprego e desenvolvemento económico en sectores clave.

Cunha liña xa modernizada e electrificada, o incremento de liñas, frecuencias e paradas entre Vigo e Viana do Castelo daría resposta a unha realidade socioeconómica que a demanda, a unha realidade demográfica, á potencialidade turística e a unha intermodalidade con dous portos e aeroportos situados no territorio, un espazo natural e poboacional que non se corta a pesar de contar cunha fronteira administrativa.

Concellos, cámaras municipais, tecido empresarial e axentes sociais reclaman servizos de proximidade que responda a unhas necesidades claras: unha mobilidade económica, fiable, segura, sostible e con frecuencias diarias que favorezan a mobilidade entre núcleos de poboacións próximos, zonas industriais ou portos. Porque, como salientaron durante o encontro, se non hai conectividade crearase unha barreira que impedirá o crecemento económico e social do territorio.

O Foro de Mobilidade Transfronteiriza do Rio Miño foi organizado pola Deputación de Pontevedra en colaboración co AECT Rio Minho, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal e o CIM Alto Minho. O evento contou co financiamento de fondos europeos FEDER a través do proxecto Smart Miño Plus, unha acción de capitalización no ámbito da 6ª convocatoria do INTERREG VA POCTEP 2014-2020.

Salir de la versión móvil