O tren de proximidade, clave para fomentar a mobilidade sostible no territorio do Río Miño Transfronteirizo

Publicidad

O proxecto Smart Miño Plus busca fortalecer a cooperación e sentar as bases para un futuro no que gozar dunha conectividade suave, máis eficiente e respectuosa co medio ambiente.

 O tren perfílase como un elemento clave para camiñar cara a unha mobilidade máis sustentable no territorio do río Miño transfronteirizo. Así o destacaron os expertos e expertas internacionais que participaron no Foro de Mobilidade Sostible organizado ao abeiro do proxecto Smart Miño Plus e no que se puxo enriba da mesa os desafíos aos que se enfronta o territorio para mellorar a conectividade suave que permita á veciñanza desprazarse polos concellos transfronteirizos reducindo a dependencia dos vehículos privados e contribuíndo ao desenvolvemento económico da rexión.

O ferrocarril desempeña un papel fundamental no fomento da mobilidade sostible e na mellora da calidade de vida da veciñanza, polo que contar cunha infraestrutura ferroviaria axeitada e unha liña de proximidade que conecte de forma eficiente os municipios transfronteirizos convértese nun dos principais retos a abordar para un futuro inmediato.

O Foro de Mobilidade Sostible permitiu fortalecer a cooperación e a confianza entre as institucións, organizacións e cidadanía das dúas beiras do Miño, que traballan de xeito conxunto para impulsar unha conexión ferroviaria eficiente que fomente unha mobilidade suave entre a poboación transfronteiriza e que potencia o turismo na rexión.

A través do proxecto Smart Miño Plus – “Estratexia de cooperación intelixente Rio Minho Transfronteirizo", financiado con fondos europeos FEDER, Deputación de Pontevedra, AECT Rio Minho, CIM Alto Minho e o concello de Valença ratifican o seu compromiso coa promoción da conectividade sostible, sentando as bases dun futuro no que desfrutar dunha mobilidade máis eficiente, cómoda e respectuosa co medio ambiente a ambos lados da fronteira.

Salir de la versión móvil