Un carril bici na ponte internacional transformará a mobilidade entre Tui e Valença

AECT RIO MINHO

Publicidad

O proxecto Smart Miño Plus reforzará as conexións sostibles entre os dous concellos incorporando á ponte un carril dedicado a ciclistas e vehículos eléctricos e un paso para peóns.

Innovación e sostibilidade camiñan da man nun novo proxecto que busca a transformación da mobilidade entre Tui e Valença a través da Ponte Internacional. Esta ponte metálica sobre o río Miño foi a principal conexión física entre os dous concellos e os dous países hai máis de 100 anos e, ademais de ter un alto valor simbólico, nos últimos tempos viu incrementado o paso de peóns e o tráfico de bicicletas. Por este motivo, a través do proxecto Smart Miño Plus – “Promoción das dinámicas de mobilidade sostible na fronteira do río Miño”, a Deputación de Pontevedra e o AECT Rio Minho impulsaron un estudo para implantar solucións de mobilidade suave, sostible e segura nesta zona histórica.

Neste camiño, o proxecto recolle a creación dun carril dedicado a ciclistas e vehículos de mobilidade persoal eléctricos no lado dereito da ponte en dirección Valença-Tui, xa que este trazado permite unha maior separación e seguridade das persoas usuarias deste carril con respecto ao tráfico xeral, especialmente nas zonas de acceso á ponte. Ademais implementaranse diferentes solucións tecnolóxicas para mellorar o coñecemento e a xestión da mobilidade nesta ponte centenaria.

Para regular o paso de peóns utilizaranse as pasarelas metálicas adxacentes á ponte, mellorando así a súa seguridade e superando as dificultades de mobilidade peonil entre estes dous concellos transfronteirizos. O proxecto permitirá reestruturar este espazo urbano fortalecendo as conexión entre ambas beiras do río e consolidando a Eurocidade.

O Smart Miño Plus “Promoción das dinámicas de mobilidade sostible na fronteira do río Miño”, está cofinanciado nun 75% con fondos FEDER, e grazas a el, a mobilidade sostible entre Tui e Valença convértese nunha realidade palpable. Este proxecto non só mellora a seguridade viaria e promove o uso de medios de transporte máis limpos, senón que tamén fortalece os lazos entre as dúas comunidades transfronteirizas e senta as bases para un futuro máis sostible e conectado. Unha nova forma de moverse e de desfrutar destas dúas localidades á beira do Miño.

Salir de la versión móvil