Sabela loitará por ser finalista de OT cunha canción en galego

Sabela está a un paso de ser unha das finalistas de OT 2018. A concursante das Pontes, a única galega desta edición, xa deixou unha fonda pegada ao salvarse na segunda gala da expulsión coa canción de Rosa Cedrón, “Benditas feridas”. A aposta foi unha das mellores decisións que adoptou a cantante de 24 anos. Supuxo un antes e un despois no “talent show” emitido cada mércores por TVE. Sabela pasaba de loitar por non ser a primeira expulsada de Operación Triunfo a converterse, semanas despois, nunha das favoritas da audiencia do programa.

A artista galega eludiu a expulsión dez galas despois. Sabela xa é semifinalista. Queda só un paso máis para permanecer ata o final na Academia musical máis popular da televisión española. Nesa loita por emular a Miriam Rodríguez, que acadou en OT 2017 a terceira posición, a das Pontes volverá cantar en galego en Operación Triunfo. Nesta ocasión, Sabela interpretará “Negro caravel”, un tema de Rosa Cedrón e Cristina Pato.

Sabela foi unha embaixadora da lingua e da cultura galega nesta edición de Operación Triunfo. Soubo prolongar a pegada que deixou fai un ano Roi Méndez cando viralizou o termo sapoconcho. A artista galega, sen embargo, foi máis alá do anecdótico. Apostou por un tema en galego para salvarse e, agora, volve a facer o mesmo para loitar por un posto na final do “talent show”. Ademais da presenza da lingua nun espazo televisivo nacional de “prime time”, a cantante deixou claro na Academia o seu pasado como pandereteira e a morriña que sentía por non falar galego. Esta semana, Sabela saciará ese anhelo de falar o noso idioma cun “Negro caravel” co que aspira a ser unha das candidatas a gañar o “talent show” que emite TVE.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*