A Xunta de Goberno do Colexio de Arquitectos de Galicia outorga o Premio á Traxectoria Profesional da XIX edición dos Premios COAG de Arquitectura ao arquitecto César Portela (Pontevedra, 1937). A Xunta de Goberno do COAG sinala que con este premio recoñécese toda unha vida dedicada á arquitectura e á profesión, destacando o mérito de como, co seu estudio desde unha pequena cidade como Pontevedra, conseguiu ser “un referente na arquitectura internacional”, con obra construída presente en Andalucía, Cataluña, País Vasco, Valencia e en países como Xapón, Venezuela, Cuba, Alxeria e Exipto.
Galicia é a terra que acolle gran parte da arquitectura de César Portela, cunha obra que, segundo sinala o COAG, abarca “todas as escalas, desde pequenas intervencións realizadas cun gran coidado e respecto ao patrimonio construído e á contorna natural no que se enclava, ata os grandes edificios dotacionais nos que se combina arquitectura, construción e o emprego de novas tecnoloxías”. Tamén desde o Colexio oficial non se esquecen do seu traballo en urbanismo, docencia, investigación ou no achegamento e reinterpretación da vivenda tradicional onde acadou un modelo con características propias e identificables.
César Portela agradece “de todo corazón” ao Colexio de Arquitectos de Galicia este premio á súa traxectoria profesional. Considera que para un arquitecto hai dous tipos de recoñecementos que o poden encher de satisfacción, o que emana dos usuarios das obras, cando mostran o seu agrado por habitar eses espazos proxectados e construídos co fin de que se sintan a gusto habitándoos; e o segundo, o que provén dos compañeiros de profesión.
“Este recoñecemento énchete de orgullo e compénsache das mil e unha batallas que cada día libramos no exercicio do noso traballo, tanto no terreo da ética como da estética, para lograr saír indemne e satisfeito persoal e profesionalmente neste campo minado no que se vén desenvolvendo o exercicio da nosa profesión, e no que en cada hora, cada día ou cada obra temos que tomar decisións difíciles que esquiven o mal gusto e os intentos de corrupción imperantes, o cal non é tarefa fácil” –manifesta–.
O arquitecto asegura que en todas as épocas se fixo boa e mala arquitectura. E ao percorrer Galicia, Portela asegura que temos ocasión de ver novas actuacións urbanísticas e arquitectónicas deseñadas por compañeiros “que me alegran a viaxe pola súa gran calidade”. Aínda que confesa que tamén lle espantan edificios e urbanizacións feitas nas derradeiras décadas que parecen proxectadas polo demo para danar ou desfacer a paisaxe onde se asentan. “Hai que seguir loitando por mellorar a calidade do noso traballo por propia estima e por obriga, porque vivimos nun país que ten un territorio e unha paisaxe natural moi variados, moi ricos e marabillosos. E temos que loitar por construílo e sublímalo cos artificios que facemos e non danalo ou destruílo” –argumenta.
Tras décadas á fronte do seu estudio en Pontevedra, Portela lembra que cando comezou a exercer a profesión, a arquitectura era máis personalizada, ao ter máis relación con mestres de obra, cos carpinteiros, cos canteiros…, pero sinala que iso se perdeu bastante a día de hoxe. “En cada época a arquitectura camiña en sintonía coa sociedade, é reflexo de como somos. E hoxe vai da man do nivel tecnolóxico acadado, e tamén está moi condicionada pola burocracia imperante. O bo sería aproveitar o mellor de antes e o mellor de hoxe, para ben da arquitectura, do país e de nós mesmos” –destaca–.
César Portela Fernández-Jardón naceu en Pontevedra en 1937 onde ten o seu estudio de arquitectura. Cursou estudos de arquitectura nas Escolas Técnicas Superiores de Arquitectura de Madrid e Barcelona. Obtivo o seu título de arquitecto en 1966 en Madrid. É doutor arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid (1968) e catedrático de Proxectos Arquitectónicos (Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición) na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña - ETSA da UDC (1987-2007). Ademais, é profesor invitado en numerosas universidades e institucións de todo o mundo, entre as que destacan a Escola Superior de Arquitectura de Pamplona, Nancy, Caracas, Lisboa e Weimar.
Compaxinou a docencia coa súa labor profesional como arquitecto. Na súa traxectoria salientan unha serie de obras arquitectónicas: Vivendas para unha comunidade xitana en Pontevedra (1971-1972), Casa da Cultura de Cangas do Morrazo (1986‐1989), Museo do Mar de Galicia en Vigo (1993‐2003), ampliación da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da E.T.S. de Minas da Universidade de Vigo (2003), Auditorio e Pazo de Congresos Mar de Vigo (2008‐2011), Observatorio astronómico en Cotobade (2011), Terminal do Aeroporto de Peinador en Vigo (2010‐2013), rehabilitación do centro histórico e ribeiras do ría Arnoia en Allariz (1991‐1997), actuacións no parque de Los Toruños en Cádiz (2001‐2002), Ponte Azuma en Shinminato (Xapón, 1992), Museo Domus na Coruña (1994‐1995), Faro de Punta Nariga en Malpica de Bergantiños (1994‐1995), Palexco –Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña– (2003‐2005), cemiterio de Fisterra (2000), Museo de Historia Natural de Santiago de Compostela (2010‐2011), Estación de autobuses de Córdoba (1996‐1998), Estación intermodal do Prat de Llobregat (2009), Museo etnográfico en Togamura (Xapón, 1993), Torre de control aeroportuario en Sharm el‐Sheikh (Exipto), Torre mirador do Parque Bolívar en Caracas (Venezuela), e o Paseo do l'Axe de l'Indépendance en Alxer (Alxeria), entre outras.
Portela recibiu e segue a recibir multitude de recoñecementos pola súa traxectoria profesional, tanto nacionais como internacionais. Destacan a Medalla de Ouro do Consejo de Europa en 1982 pola rehabilitación da carballeira de Santa Miña e contorno; o Premio European Urban and Regional Planning da European Commission/European Council of Town Planners en 1994 pola recuperación e construción das marxes do río Arnoia en Allariz; o Primeiro Premio Internacional de Arquitectura en Pedra (Verona) no ano 2000 pola Domus na Coruña; Premio Nacional de Arquitectura Española no 2000 pola Estación de autobuses de Córdoba do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE); Premio Nacional de Arquitectura no ano 2000 do Ministerio de Fomento; e os Premios Europeos Philippe Rotthier polo Cemiterio de Fisterra e o Museo do Mar en Vigo no 2005.
El Gran Vía de Vigo premiará con tarjetas regalo a los que adivinen el precio de los "outfits" expuestos en la Planta 0 del centro comercial
Un nuevo enfoque es lo que busca este año el centro comercial A Laxe de Vigo con su segunda edición de Objetivo A Laxe
El bingo de Vialia Vigo, que se celebrará el 30 de junio, domingo de apertura, permitirá a los clientes ganar importantes premios
Un concurso de la UVigo para encontrar a los mejores youtubers científicos de su personal investigador
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL