A Guarda abre o prazo para inscribirse no II Campus Deportivo de Fútbol

Publicidad

A programación de actividades estivais para os rapaces e rapazas na Guarda comezará na primeira quincena de xullo co II Campus Deportivo de Fútbol, no que poderá participar a mocidade de 5 a 15 anos.

As actividades darán comezo o 2 de xullo no estadio de fútbol municipal e levaranse a cabo de luns a venres entre as 9:30 e as 13:30 horas ata o 13 de xullo. Durante estes días, as mozas e mozos participantes poderán practicar o seu deporte favorito acompañados por monitores titulados. Ademais, poderán participar noutras actividades culturais e lúdicas. Dentro da programación de actividades, tamén se inclúe unha saída á piscina municipal, onde realizarán xogos acuáticos en equipo.

O período de inscrición permanecerá aberto do 1 ao 14 de xuño. O prezo de participación por persoa será de 70€, cun desconto de 5€ por cada irmán ou irmá inscrito. Os rapaces e rapazas participantes recibirán dúas camisetas técnicas de agasallo.

As persoas interesadas deberán cumprimentar a folla de inscrición e presentala na OMIX do Concello da Guarda, acompañada dunha fotocopia do DNI do pai, nai ou titor/a legal e unha copia da tarxeta sanitaria do ou da menor. A inscrición tamén poderá realizarse de forma telemática, descargando o arquivo na páxina web do concello da Guarda e remitíndoo xunto coa documentación requirida ao correo electrónico informacion@aguarda.es.

O II Campus Deportivo de Fútbol é unha actividade organizada polos clubs de fútbol locais Sporting Guardés, Escola de Fútbol Deportivo Alameda, Unión Deportiva A Guía e Unión Guardesa, en colaboración co Concello da Guarda.

Salir de la versión móvil