O BNG levará ao Parlamento a retirada da proposta para legalizar o centro comercial do Celta en Tameiga

Publicidad

O Deputado do BNG Luis Bará reclamará no Parlamento Galego a retirada da proposta de modificación da Lei do Solo tramitada a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2019, coa que se pretende legalizar a expropiación dos terreos para a cidade deportiva e o macrocentro comercial do Celta nos montes de Tameiga, Pereiras e Cela.

O BNG insta ademáis a evitar a “desfeita social, ambiental e económica” que, na súa opinión, provocaría este proxecto. Segundo denunciou Bará, “todo o proceso de tramitación cheira a cacicada a e a cambalache”, xa que se realizou primeiro o anuncio, nun acto público no que participaron a alcaldesa e o presidente da Xunta, para forzar posteriormente os cambios legais e os informes favorables que permitan materializar o pelotazo urbanístico.

Na opinión dos nacionalistas, “a Xunta e o Concello queren favorecer a entrada de grandes grupos empresariais e fondos de especulación que levan anos intentando instalarse na comarca de Vigo”.

O Goberno Municipal iniciou xa os trámites para modificar o PXOM e cambiar a cualificación dos terreos, de protección forestal, para destinalos a usos terciarios e dotacionais. O voceiro da formación en Mos, Gustavo Barcia, compareceu xunto a Bará e denunciou que o goberno de Nidia Arévalo quere declarar a actuación de utilidade pública “para poder realizar as expropiacións e logo entregar os terreos a unha empresa privada”. Entende ademais que a Xunta, se autoriza a modificación do Plan Xeral, fará “un uso perverso das leis coa intención de favorecer un proxecto e un promotor privado”.

O Goberno galego incorporou xunto ao proxecto dos Orzamentos de 2019 unha modificación da “ Lei 2/2016  do solo de Galicia” na que se determina que calquera persoa particular ou xurídica poderá ser beneficiaria dunha expropiación. Algo que ata agora era “ilegal”, tal e como explican desde o Bloque posto que a lei galega non o recolle.


Pode ser do teu interese: O presidente de Montes de Tameiga: “Mouriño quere facer un pelotazo”


O “Non” dos comuneiros

O proxecto do presidente do Celta de construír un centro comercial en Mos recibiu o pasado 7 de outubro un contundente rexeitamento da gran maioría dos asistentes á asemblea celebrada pola comunidade de montes de Tameiga, propietaria dos terreos. O resultado foi maioritario en contra da oferta do máximo mandatario celeste. Dos 253 comuneiros, 247 mantiveron a súa negativa ao plan de Mouriño que apoia a alcaldesa Nidia Arévalo, mentres que tres abstivéronse e outros tres votaron a favor da creación da gran superficie comercial.

Nas palabras do presidente dos comuneiros, Antonio Cajide, “o que quere facer Mouriño chámase  pelotazo urbanístico”. O propio veciño auguraba que “sabemos que haberá guerra sucia”.

 

Salir de la versión móvil