A aeronave Flamingus, un dron de á fixa deseñado, construído e pilotado polo equipo estudantil de aeromodelismo da Universidade de Vigo UVigo Aerotech, compite desde este martes e ata o venres en Alemaña na Air Cargo Challenge. Coa participación nesta cita interuniversitaria referente en enxeñaría aeronáutica, culmina o traballo desenvolvido por un grupo de 18 estudantes ao longo deste curso académico.
A Air Cargo Challenge 2026 celébrase en Stuttgart e nela compiten 34 equipos universitarios de 20 países. “Somos o único equipo galego no aeromodelismo estudantil e non podemos estar máis orgullosos de representar a nosa terra, Galicia, nesta competición”, sinalan desde UVigo Aerotech. Para poder chegar a esta competición, desde o equipo agradecen e poñen en valor o apoio recibido e a confianza depositada por todas e cada unha das entidades patrocinadoras, tanto empresas como institucións públicas. Entre elas están, ademais da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Coasa, Marine Instruments, a Axencia Galega de Innovación (Gain), attlanTTic, Aeromedia e o Centro Avanzado de Tecnologías Aeroespaciales (CATEC).
Unha aeronave bimotor de 1,9 metros
A participación na Air Cargo Challenge é un dos proxectos que realiza o alumnado que forma parte de UVigo Aerotech. Baixo o nome de Aine, neste proxecto participan 18 estudantes, maioritariamente do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, pero tamén hai membros do Grao de Enxeñaría Mecánica, da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo. O traballo de Aine céntrase en “deseñar, simular, fabricar e construír drones de á fixa para competicións estatais e internacionais”. Este curso académico, froito do seu traballo nace Flamingus, unha aeronave bimotor de 1,9 metros de envergadura e 1,43 metros de lonxitude co que competen en Alemaña. “Fómonos superando ano tras ano, nas competicións nas que participamos, e estamos seguros de que este ano non vai a ser menos. A grande implementación de novidades tecnolóxicas propias en Flamingus fainos soñar ao grande”, apuntan desde o equipo de aeromodelismo da UVigo.
Na Air Cargo Challenge 2026, os equipos son valorados polas probas de voo, a inspección técnica da súa aeronave e a enxeñaría detrás do deseño, tendo que completar un circuíto transportando unha determinada carga. Este martes, a competición arrancou coa inspección técnica da aeronave e coa súa presentación e este mércores continúa coa montaxe completa do dron para posteriormente afrontar as probas de voo. “As probas preliminares ao voo foron moi ben e estamos moi animados de ver que podemos lograr”, sinalan desde a delegación de UVigo Aerotech desprazada a Alemaña.
Traballo colectivo e organizado
O traballo de Aine organízase en tres departamentos que traballan de xeito coordinado ao longo de todo o curso académico en instalacións do campus de Ourense e que dan continuidade ao traballo realizado en cursos pasados. Neste senso, alén dos resultados concretos que poida obter en competicións, a iniciativa enfócase a que o alumnado se forme participando nun proxecto de enxeñaría aeronáutica real. No primeiro departamento, o de Aerodinámica, o alumnado participante encárgase de deseñar a xeometría da aeronave Flamingus, especialmente a da á, para que as características aerodinámicas sexan capaces de satisfacer as actuacións e o desempeño requiridos pola competición. O seu traballo comezou por unha análise preliminar na que realizaron estimacións baseadas en datos empíricos de aeronaves existentes da mesma categoría. Unha vez obtida a primeira estimación da área alar necesaria pasouse á elección do perfil ou perfís alares óptimos para o deseño. Finalmente, comezaron un proceso iterativo de deseño de ás co perfil alar escollido e usando como punto de partida a área alar dos cálculos preliminares. Ao longo deste proceso este grupo realizou diversas tarefas de forma paralela, como o dimensionado de superficies sustentadoras (flaps) ou a incorporación de elementos aerodinámicos (wingtips). Ademais levou a cabo optimizacións posteriores para mellorar a eficiencia (menos resistencia).
Pola súa banda, o departamento de Propulsión e Control encárgase de deseñar e optimizar o sistema propulsivo das aeronaves, neste caso de Flamingus, así como os sistemas de control que aseguran a súa maniobrabilidade e estabilidade no aire. “Alcanzáronse distintos fitos durante o deseño dos mecanismos de actuación, o circuíto de electrónica e a planta propulsora da aeronave desde o comezo do deseño en setembro”, apuntan desde Aine. Neste senso, detallan, “contamos coa implementación dun tren retráctil accionado mediante un sistema mecánico de piñón-cremalleira, mecanismos de superficies de control integrados completamente dentro das superficies aerodinámicas da empenaxe”. Ademais, engade o alumnado, “a planta propulsora foi optimizada, mediante a elaboración dun modelo matemático propio da función que rexe a puntuación, con obxecto de obter a máxima puntuación posible na competición”. O dron tamén conta cun sistema de estabilización activo de axuda ao piloto. Por último, o departamento de Estruturas e Dinámica do proxecto encárgase de deseñar e simular a estrutura interna de Flamingus, así como posicionar os trens de aterraxe. Este grupo tamén fai informes de deseño e fabricación (tomando decisións como os métodos de fabricación e os materiais a utilizar na construción da aeronave) e encárgase do deseño propio do tren de aterraxe (non é comercial), adaptándoo para o mecanismo do tren retráctil.
