A Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia, BAMAD, vén de enviar unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, para manifestar a súa “preocupación coa situación dos servizos municipais das bibliotecas”.
A entidade galega expresa o seu “malestar” despois de que o Concello, e o propio rexedor, se refiran a nova sala de lectura de Navia como “biblioteca”. BAMAD lembra ao goberno municipal que “as bibliotecas non son salas de lectura” e que aínda que “é un dos servizos que pode ser dado” non é o único. Na misiva explican que para contar con servizos bibliotecarios a biblioteca debe contar cun tamaño adecuado, contar con documentos (libros e outros soportes de información) e estes deben estar xestionados de maneira profesional.
“Cremos que a maior cidade de Galicia debe contar cunha boa rede bibliotecaria municipal”, prosigue BAMAD para lamentar que “os únicos servizos bibliotecarios actualmente existentes son a Biblioteca Pública Juan Compañel, de xestión mixta Xunta/Concello, e a Biblioteca Pública Neira Vilas, de propiedade municipal e de xestión privada”. Unha oferta que entenden non é suficiente para atender as demandas da cidadanía.
A asociación de profesionais remata a súa carta ofrecendo ao Concello de Vigo a súa colaboración “para que nun futuro próximo Vigo sexa noticia por dispoñer de Bibliotecas Municipais de calidade que dean satisfacción ás demandas da cidadanía”.