Continúan os problemas en Vitrasa coa negociación do ERTE. A sección sindical da CIG denuncia o xeito de actuar da dirección da empresa. “Non soubo estar á altura das circunstancias, e dende o primeiro momento negáronnos calquera das solicitudes que realizamos, até que as circunstancias lles obrigaron a atendelas”, apuntan.
Algunha das peticións eran realizar o ERTE en días continuados, non separar as parellas que normalmente traballan xuntas ou sacar cada quenda un autobús limpo e desinfectado desde cocheiras. “Pero non foron nin sequera valoradas pola empresa”, critican. Outras solicitudes da sección sindical da CIG como o uso de luvas por parte do persoal de condución “custou moito que se levasen a cabo; por non mencionar a colocación das actuais mamparas, a entrada pola porta traseira, os baños ou a anulación do pago en efectivo, que non se realizou ata o último momento, cando a empresa asegurouse que o Concello abonaría os pasaxes que deixasen de cobrarse”, sinalan. Por todo isto, o sindicato destaca que para a empresa do transporte urbano en Vigo “é máis importante a conta de resultados que a seguridade e o benestar dos empregados”.
Ao mesmo tempo, a CIG denuncia que a empresa ten ao seu dispor dende hai días máscaras homologadas enviadas polo Ministerio de Transportes que debe recoller en Correos até o 17 de abril e que en caso de non seren retiradas pola compañía destinaranse a outros usos. “A día de hoxe a única entrega de máscaras por parte da empresa foron sen homologar, veremos se estas chegan ao personal”.
A sección sindical da CIG tamén lembra que o Concello de Vigo vén de aprobar unha medida que protexe do ERTE a unha serie de traballadores de servizos municipais, “pero Vitrasa non solicitou do Goberno local ese beneficio para o seu persoal”. CIG-Vitrasa apunta que “teñen os mesmos dereitos que o resto de concesionarias”. O sindicato denuncia que a empresa “ten interese en facerse a foto solidaria e quedar ben co Concello que en protexer os empregados e aos seus salarios”.
Finalmente, a CIG sostén que quedou demostrado que reivindicacións como as mamparas, os baños e as tarxetas moedeiro “que se levaban pedindo dende hai moito tempo e nunca se chegaron a conseguir pódense realizar en tempo récord, e é por iso que non imos permitir que tras a finalización do estado de alarma volvan retirarse”.