A Deputación de Pontevedra entregou este venres os galardóns aos gañadores da sétima edición dos Premios Provinciais á Xuventude nunha gala celebrada no Salón de Plenos do Pazo Provincial que contou coa participación do presidente Luis López, quen destacou o talento, creatividade, intelixencia e sensibilidade dos participantes, mozos e mozas de toda a provincia que fan “que a provincia teña asegurado o seu futuro” porque “vós sodes precisamente ese futuro”, subliñou nun discurso que serviu para clausurar a gala. Un evento que estivo presentado pola xornalista Patricia Bea, que contou coa actuación musical da premiada no 2021, Ainhoa Mosquera; e no que o deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, recordou o compromiso da Deputación co apoio ao talento xuvenil a través da creación dun novo servizo dotado con 1,2 millóns de euros.
Presentáronse a esta edición dos premios, que reparte un total de 36.000 euros entre os gañadores, un total de 77 traballos correspondentes a nove categorías. En banda deseñada, Ánxel Carramal levou o primeiro premio, mentres que Manuel Alejandro Vázquez fíxose co segundo premio e Andrés Chincilla, co terceiro.
En fotografía orixinal, o primeiro premio foi para Claudia Gómez, o segundo, para María Sarrapio; e o terceiro, para Helena Constenla. Na categoría de investigación de ciencias, arquitectura ou enxeñaría, o primeiro premio compartírono Silvia García e Francisco de Arriba, mentres que o segundo foi para Laura Rubio e o terceiro, para Moisés Cordeiro.
No apartado de Artes, Humanidades e Ciencias Sociais, a gañadora foi Andrea Domínguez, mentres que o segundo e o terceiro posto foron para Adrián Paramés e Laura Docampo, respectivamente. En literatura, na subcategoría de narrativa, o primeiro premio levouno Ana Iglesias, o segundo estivo compartido por Fabio Rivas e Inés Alonso e o terceiro conseguiuno Rebeca López. Na subcategoría de poesía, Pedro Rodríguez fíxose co primeiro premio, César Manuel Gil, co segundo; e Rebeca López repetiu cun novo terceiro posto.
Na categoría de traballo musical, Santiago Guerra foi o gañador e Javier Lago levou o segundo premio. En deseño e moda, Regina Chamorro foi a gañadora, mentres que en contido audiovisual, o xurado concedeu o segundo posto a Susana Cabaleiro.
Ademais, entregáronse premios colectivos a centros educativos da provincia polos seus traballos de investigación. Na categoría de educación en valores, o primeiro premio foi para o IES de Poio, o segundo, para o IES Illa de Ons de Bueu; e o terceiro, para o IES Paralaia de Moaña. Finalmente, na categoría de acción polo clima, o IES A Paralaia foi o gañador.
Despois de citar o nome de cada un dos premiados, o presidente da Deputación destacou a calidade e transcendencia dos traballos ao sinalar que “nos facedes medrar como provincia”. Neste sentido, López reiterou o compromiso da Deputación no apoio á xuventude. “Desde a Deputación non só faremos o posible para multiplicar o talento da nosa xuventude, nin sequera estaremos aí só para recoñecer o voso esforzo, como se demostra nesta gala, tamén estaremos ao voso carón para dar eco aos vosos traballos, para divulgalos, e que cheguen tan lonxe como merecen”, afirmou o mandatario provincial.
Coa entrega destes galardóns, a Deputación busca estimular e promover a creatividade da mocidade da provincia no ámbito sociocultural, así como amosar o seu compromiso no eido da loita contra o cambio climático e a recuperación do medio ambiente. Puideron optar aos Premios Provinciais á Xuventude persoas de entre 16 e 35 anos e, no caso da categoría de Reacción polo Clima, centros educativos nos que participe alumnado de entre 12 e 18 anos. Ademais, os gañadores levaron uns trofeos de cerámica elaborados polos usuarios da Asociación Alba de Familiares e Amigos de Enfermos Psíquicos de Pontevedra.
Listado de premiados
BANDA DESEÑADA:
- Primeiro premio (1.000 euros): Ánxel Carramal Fernández, Pontevedra, 1994. Psicólogo. Polo seu proxecto “E Marcos puxo o seu suadoiro vermello”
- Segundo premio (600 euros): Manuel Alejandro Vázquez Búa, Vilagarcía de Arousa, 1994. Biólogo. Polo seu proxecto: “O mergullo dunha vida”
- Terceiro premio (400 euros): Andrés Chincilla Argibay, Vigo. Polo seu proxecto: “!Ei¡ Que hoy vamos a montar a caballo”
CONTIDO AUDIOVISUAL:
- Segundo premio (600 euros): Susana Cabaleiro Álvarez, Salceda de Caselas. Polo seu proxecto: “Fogones Gallegos”
DESEÑO E MODA:
- Primeiro premio (1.000 euros): Regina Chamorro Misa, Nigrán. Polo seu proxecto “Relindo Festejo”
EDUCACIÓN EN VALORES:
- Primeiro premio (1.000 euros): Ies de Poio. Polo seu proxecto “I Cumio do Clima”
- Segundo premio (600 euros): IES Illa de Ons, Polo seu proxecto: “#PatriarcadasRevirad@s”
- Terceiro premio (400 euros): IES A Paralaia de Moaña. Polo seu proxecto: “Reactiva a igualdade”
FOTOGRAFÍA ORIXINAL:
- Primeiro premio (1.000 euros): Claudia Gómez López, Pontevedra. Polo seu proxecto “O Mercado”
- Segundo premio (600 euros): María Sarrapio Pol, Pontevedra. Polo seu proxecto: “Impermeables”
- Terceiro premio (400 euros): Helena Constenla Lorenzo, Poio. Polo seu proxecto: “O instante do límite do turismo”
INVESTIGACIÓN – Subcategoría Ciencias, Arquitectura e Enxeñaría:
- Primeiro premio (ex aequo) (2.000 euros): Silvia García Méndez, Baiona, 1992. Polo seu proxecto “Contribution to Natural Language Generation for Spanish”
- Primeiro premio (ex aequo) (2.000 euros): Francisco de Arriba Pérez, Vigo, 1989. Polo seu proxecto: “Inteligencia conversacional para asistentes interactivos orientados al lenguaje – Celia”
- Segundo premio (1.250 euros): Laura Rubio Lareu, Vila de Cruces, 1994. Polo seu proxecto: “Estratexias analíticas integrais para novos retos no control da seguridade de cosméticos”
- Terceiro premio (750 euros): Moisés Cordeiro Costas, Cangas, 1996. Polo seu proxecto: “Modelado e optimización mediante técnicas de aprendizaxe automático en edificios con instalacións renovables de produción, almacenamento e consumo eléctricos”.
INVESTIGACIÓN - Subcategoría Artes, Humanidades e Ciencias sociais e xurídicas:
- Primeiro premio (2.000 euros): Andrea Domínguez Torres, Marín, 1993. Polo seu proxecto “Arte en contra de la violencia especista (España, 2000-2019)”
- Segundo premio (1.250 euros): Adrián Paramés González, Vigo, 1998. Polo seu proxecto: “El mobiliario en los centros educativos: valoración antropométrica e instrumentos de medida”
- Terceiro premio (750 euros): Laura Docampo López, Vigo, 1999. Polo seu proxecto: “Auga reciclada: fomento da aceptación pública a través dun modelo axiolóxico-consecuencialista”.
REACCIÓN POLO CLIMA:
- Primeiro premio (1.000 euros): IES Plurilingüe A Paralaia de Moaña. Polo seu proxecto “A Axenda 2030 no IES A Paralaia. Facemos economía circular? e A horta de Sofía”
TRABALLO LITERARIO BREVE – Subcategoría de narrativa:
- Primeiro premio (1.000 euros): Ana Iglesias Calviño, Ponte Caldelas, 1993. Polo seu proxecto “A Telegrafista”
- Segundo premio (ex aequo) (600 euros): Fabio Rivas Pardo, Pontevedra, 1997. Polo seu proxecto: “A meiga de Padrerrei”
- Segundo premio (ex aequo) (600 euros): Inés Alonso Veloso, Vigo, 2004. Polo seu proxecto: “La Visita”
- Terceiro premio (400 euros): Rebeca López Villar, Vigo, 1993. Polo seu proxecto: “Unha e outra vez”
TRABALLO LITERARIO BREVE – Subcategoría de poesía:
- Primeiro premio (1.000 euros): Pedro Rodríguez Villar, Nigrán, 1996. Polo seu proxecto “Palabras nas Pedras”
- Segundo premio (600 euros): César Manuel Gil, Cangas, 1995. Polo seu proxecto: “Catro movementos sobre a incomprensión”
- Terceiro premio (400 euros): Rebeca López Villar, Vigo, 1993. Polo seu proxecto: “Xuntanza (preside a lúa)”
TRABALLO MUSICAL:
- Primeiro premio (1.000 euros): Santiago Guerra Fernández, Cangas, 2000. Polo seu proxecto “When I think of you”
- Segundo premio (600 euros): Javier Lago López, Pontevedra, 1996. Polo seu proxecto: “Todo a la vez”