“A Deputación non pode permanecer allea ao enxordecedor clamor social causado polo caos na Atención Primaria, que é a nosa liña de defensa nesta segunda fase da pandemia, e que está a quedar superada por mor do desmantelamento ao que foi sometida pola Xunta de Galicia durante os últimos anos”. Así o manifestou o voceiro do grupo socialista, Carlos López Font, durante o Pleno provincial celebrado hoxe, no que se aprobou a moción que urxe ao Goberno galego a reforzar os centros de saúde con recursos humanos e materiais e a poñer en marcha un sistema de rastrexo eficaz.
A moción saíu adiante co apoio do PSdeG-PSOE e BNG e o voto contrario do PP. López Font afeoulle ao Partido Popular a súa negativa a apoiar esta resolución e esixiulle aos populares “máis sensibilidade diante do aluvión de queixas” dos pacientes, tódolos colectivos profesionais sanitarios, os concellos da provincia e as asociacións de usuarios. “Votar en contra desta moción é votar en contra da xente e do dereito a unha sanidade digna”, concluíu o deputado.
Durante a súa intervención, Font fixo un repaso das denuncias públicas e convocatorias de protestas que afectan á práctica totalidade dos centros de saúde e consultorios do territorio provincial. “Son tantos os problemas que mesmo parece que deixaron de ser novidosos; o que resultaría unha nova impactante hoxe é que un centro de saúde funcionase correctamente e estivese en boas condicións”, aseverou. Neste senso, engadiu que o “consultorio tipo” na nosa provincia conta cun só médico e unha persoa para Enfermería e, se se “tercia”, péchase ás fins de semana, como sucede en Moaña”. Na súa opinión, a “opacidade informativa” da Xunta que vén de denunciar o Colexio de Xornalistas de Galicia en todo o que ten que ver coa evolución da pandemia resulta “intolerable”.
O voceiro do BNG, César Mosquera afirmou que “o que está pasando é inadmisible”. Falou en primeira persoa ao explicar que el mesmo non puido conseguir cita médica para un recente problema de saúde e que pode poñer moitos exemplos na súa contorna máis próxima. “Estase a ordenar á xente que chama porque ten algún síntoma que se confine sen facerlle probas”. “Acaban de detectar 90 positivos nun centro de traballo e iso non se contaxia nun día; estamos como se houbera que levar unha vela a Santa Clara”, lamentou.