21 mulleres fronte a 15 homes. As profesoras lideran as novas incorporacións ao corpo de docentes catedráticos e titulares da Universidade de Vigo. Así se constatou este xoves no acto de toma de posesión do persoal docente e investigador que ao longo do ano pasado acadaron a praza de catedrático/a ou profesor/a titular, un acto celebrado no paraninfo do edificio Ernestina Otero, e ao que asistiron o reitor, Manuel Reigosa; a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez, xunto a secretaria xeral, Mª José Bravo Bosch.
Con estas novas incorporacións o cadro de docentes catedráticos sitúase xa en 272 persoas e o de titulares en 576, aos que habería que sumar 180 contratados/as doutores e profesores/as permanentes laborais. Son en total 1028 docentes con vinculación permanente á Universidade de Vigo, aos que se engaden o resto de figuras consolidables, tanto os que entran por necesidades docentes, como son os axudantes doutores, como o persoal investigador con compromiso de estabilidade (Ramón y Cajal, Beatriz Galindo...).
“Este é un acto para darvos as grazas e os parabéns”, subliñoulles o reitor, quen tamén lles quixo facer un pedimento, que fagan todo o que sexa posible para axudar a facer da Universidade de Vigo unha institución que axuda á sociedade. “Aquí sempre valoramos o esforzo, o mérito e a capacidade, e por iso defendemos que as persoas que verdadeiramente vos esforzades tendes dereito a promocionar”, subliñoulles o reitor, quen animou aos docentes titulares a formularse como meta acreditarse como catedráticos nos vindeiros dous anos e ás novas catedráticas e catedráticos a “non botarse a un lado e seguir facendo achegas aos vosos grupos de investigación, onde verdadeiramente sodes imprescindibles”. Se ben non todos asistiron ao acto, neste ocasión acreditáronse un total de 16 novos catedráticos -10 mulleres e 6 homes- e 20 titulares -11mulleres e 9 homes-.
Entre as novas catedráticas que asistiron ao edificio Ernestina Otero, a enxeñeira Marta María Pazos Currás, docente da Escola de Enxeñería Industrial e investigadora do grupo de Bioenxeñaría e procesos sostitbles, Biosuv, adscrito ao Cintecx, admite que o máis difícil no longo camiño ata chegar a ser catedrática universitaria “foi, sen dúbida, a conciliación familiar”. Desde o seu punto de vista, manterse na carreira investigadora e conseguir todos os méritos necesarios para acadar a acreditación —docencia, publicacións de impacto, dirección de teses, dirección de proxectos competitivos, estancias internacionais, transferencia de coñecemento— e, ao tempo, atenderlle á familia é un reto constante. “Teño sacrificado moitas horas de sono para poder avanzar. O apoio da miña familia foi, sen dúbida, o máis importante, e sen eles non tería sido posible chegar ata aquí”, admite a docente.
Ao seu xuízo, o máis gratificante deste proceso é ver como todo ese esforzo se transforma en recoñecemento e en oportunidades para seguir contribuíndo á ciencia e á formación de novas xeracións”. No seu caso non considera que na carreira docente exista unha discriminación explícita como tal, polo menos nos primeiros estadíos na carreira investigadora, “pero si é certo que as tarefas tradicionalmente asociadas ás mulleres —como a conciliación familiar— poden atrasar ou dificultar o crecemento profesional”. Nesa liña, asegura que aínda que se avanzou moito, estas responsabilidades non sempre están recoñecidas nin repartidas de forma equitativa. “Por sorte, ese non foi o meu caso, xa que tiven moito apoio por parte do meu marido. A día de hoxe é moi importante que haxa máis referentes femininas e redes de apoio que axudan a visibilizar o talento das mulleres na enxeñaría e na investigación”.
Para a tamén catedrática María Elisa Alén, docente da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, o camiño para chegar a ser catedrática foi, sen dúbida, “unha carreira de fondo”. Entre as principais dificultades sitúa o feito de ter que aprender a adaptarse “aos continuos cambios de normas e criterios, que moitas veces che obrigan a reformular a planificación da túa traxectoria a metade da partida”. No outro extremo, o máis gratificante “é, sen comparación, ver voar soa á xente á que axudei a formar, compartir o camiño con persoas marabillosas e sentir cada día que me apaixona o que fago”.
En relación ao feito de que este ano sexan máis mulleres que homes as que toman posesión, admite sentir “orgullo”. Neste senso, considera que a menor proporción ata o de agora de mulleres catedráticas non reflicte unha cuestión de mérito, senón estruturas históricas de desigualdade que cómpre corrixir. “Moitas mulleres no eido académico tentamos poñer o noso gran de area para que as seguintes xeracións teñan referentes que poidan xerar inspiración”. Ten claro que a investigación e a docencia benefícianse da presenza de distintas perspectivas e sensibilidades e, nesa liña, “ é importante estar nos órganos onde se toman as decisións clave. Deste xeito, pódese axudar a transformar a cultura institucional, promovendo políticas de igualdade, conciliación e respecto”.
No caso de Marta Conde Sieira, docente na Facultade de Fisioterapia e investigadora do Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, -Grupo de Fisioloxía de Peixes-, tomou posesión como profesora titular. “Para min é un día moi importante, pois supón a celebración da consecución dunha praza pola que loitei moito durante unha carreira moi longa”, explica a docente, quen admite que “chegar non é doado, hai moitos obstáculos aos que facerlle fronte”. Neste intre lémbrase, sobre todo, dos seus directores de tese e da súa familia, “que foron os que sempre estiveron aí apoiándome e animándome a non renderme”. Agora mira o futuro con ilusión e agarda poder, “dentro duns aniños”, acreditarse como catedrática. “O reitor animounos a facelo en dous anos, pero, sinceramente, sería feliz se o consigo nun prazo de cinco”.
La UVigo presenta un un modelo estadístico que permite comparar el rendimiento de los equipos con los resultados en el Mundial. Así funciona
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL