Ata o 5 de abril permanece aberto, segundo o calendario fixado pola Xunta de Galicia, o período de preinscrición na Escola Infantil do campus de Pontevedra, que contará no curso 2024/2025 con catro aulas e 51 prazas, das que se reserva unha porcentaxe para os fillos e fillas do profesorado, persoal e alumnado da Universidade de Vigo. Concretamente, o centro contará o vindeiro ano académico cunha aula de 0-1, con sete prazas, dúas aulas de 1-2, que suman en conxunto 25 prazas, e unha de 2-3, con 19 prazas, ás que hai que sumar as tres reservadas, unha por curso, para casos de emerxencia social.
Tanto para o alumnado de novo ingreso como para aqueles e aquelas que continuarán no centro o vindeiro curso, desde o pasado sábado 16 e ata o 5 de abril permanece aberto o período de preinscrición. Esta pode realizarse tanto de xeito telemático, a través da sede electrónica da Xunta, como de forma presencial. No caso do persoal e do alumnado da UVigo, terán que “presentar tamén documentación acreditativa de que son membros da comunidade universitaria” , como explica a directora da escola, Ángeles Rodríguez. De quedar vacantes nesta cota de prazas asignadas á UVigo, persoal e alumnado poderá optar tamén a elas na baremación de setembro, pasando logo a formar parte das ofertadas ao conxunto da cidadanía.
Rematado o prazo de preinscrición, o 6 de maio publicarase a listaxe provisional de admitidos e admitidas e o 31 de maio a definitiva, debendo formalizarse a matrícula entre o 1 e o 14 de xuño.