A estética Mad Max toma a noite de Moaña Antiqua

Publicidad

A apocalipse tamén se deu no medievo. Alo menos, así sucedeu na viaxe que fai Moaña esta fin de semana a través do Moaña Antiqua, a primeira gran festa de época do verán. A multitudinaria segunda xornada do evento culminaba coa actuación de Troula Animación. A compañía viguesa representaba “Subumbra”, unha proposta cunha clara estética Mad Max que convertía en tebrosa a noite da parroquia de San Martiño.

Sombras e lume para a noite más escura, a do delirio, a do caos infinito na que as personaxes de Troula Animación querían sumir á Moaña medieval. Un rei, Blame, buscaba impoñer ese medo dente o seu trono a través da percusión e a música hardcore. Non ía só. “Lobisome” e “Nosferatu” intentaban absorber as almas de todas as persoas que decidiron presenciar unha das grandes citas desta cuarta edición do Moaña Antiqua. A “comitiva das sombras” completábase coa espectacularidade do lume e das chispas. A escuridade e a apocalipse tamén ten luz, o contrapunto para tentar sumir nas sombras de “Subumbra” á Moaña medieval.

Moañesas e moañeses de todas as idades gozaron do espectáculo visual. Souberon convivir con esa ameaza de “traspasar o umbral das sombras” da proposta de rúa de Troula Animación. Chegou a medianoite. Con ela, a fin da segunda xornada dun Moaña Antiqua que termina este domingo ás 23:00 horas. Antes do peche do mercado medieval, a festa de época ten actividades para todas as idades. A cativada poderá participar nos obradoiros infantís mentres que os maiores terán a súa disposición coñecer o seu futuro grazas á Pitonisa Felisa. Ás 19:00 horas, haberá unha loita de escudos a cargo de ADOC Cabaleiros de Moaña e ás 19:45 horas terá lugar a actuación musical a cargo da A.F. Breogán.

A cuarta edición de Moaña Antiqua afronta, desta forma, a súa recta final tras gozar os centos de persoas que xa pasaron tanto o venres como o sábado pola parroquia de San Martiño dos concertos de Pelepau ou do monólogo realizado por Isabel Risco, máis coñecida como "Nabiza Girl".

GALERÍA DE FOTOS

Salir de la versión móvil