A Porta do Sol énchese para desfrutar da homenaxe artística ao coreógrafo Rey de Viana

Publicidad

Unha ateigada Porta do Sol moveuse esta tarde ao ritmo dos pasos da nova danza galega no espectáculo co que a Deputación anticipou este venres en Vigo a celebración do Día Internacional da Danza, que se conmemora cada 29 de abril. Na cita, á que asistiron o alcalde de Vigo, Abel Caballero e a presidenta provincial, Carmela Silva, o alumnado do Ballet Folclórico Galego e da Escola de Danza Maite Quiñones ofreceu un repertorio que fusionou tradición e danza contemporánea e no que estivo moi presente o legado de José Manuel Rey de Viana, quen tivo un papel fundamental na conservación e na difusión do folclore tradicional galego e a quen a institución provincial quixo render homenaxe ao cumprirse o centenario do seu nacemento. A coreógrafa Maite Quiñones deu lectura ao manifesto elaborado por ambas agrupacións, no que destacaron que Rey de Viana “soubo inculcarnos o amor á nosa cultura, ás nosas tradicións e, sobre todo, o amor á nosa terra”.

Carmela Silva, que invitou ao público “a bailar cada día para ser felices”, puxo en valor o traballo durante medio século de Rey de Viana “do que somos herdeiras e herdeiras e que serviu para construír país desde a cultura e máis en concreto desde a danza”. “El foi un pioneiro e soubo conxugar unha labor de investigación, de recuperación e de posta en valor do noso, conseguindo que a danza galega dese un paso de xigante co seu ballet, ao levar o nome de Galicia por todo o mundo”. Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, subliñou que “a Porta do Sol é o escenario perfecto para a danza”, como exemplificou esta homenaxe á imprescindible traxectoria de Rey de Viana na cultura galega.

No espectáculo, as dúas agrupacións participantes foron intercalando as súas actuacións. O Ballet Folclórico Galego, composto por alumnas e alumnos da Escola de Danza Vila de Baiona, a Agrupación Folclórica CEAR Castromao (Mondariz) e a Agrupación Folclórica Hai Que Roelo (Cuntis), todas dirixidas por Eduardo Alves dá Costa Lojo, ofreceu coreografías de José Manuel Rey de Viana, en cuxo ballet precisamente estivera Alves como bailarín titular durante sete tempadas.

Entre as pezas que bailaron, figuraron as xotas de Peruchos e Forcarei, a Danza do Pano ou as Muiñeiras de Sabaxáns e do Areal, para rematar coa Xota de Picato. Este ballet está conformado por un corpo de baile de 36 persoas e outro de música tradicional de seis. Conta para as súas actuacións con reproducións de variado vestiario, baseado en modelos de diferentes bisbarras e épocas. Pola súa banda, o alumnado da Escola de Danza Maite Quiñones de Cangas actuou cun repertorio clásico, neoclásico e contemporáneo, que incluíu, entre outras, pezas de Tchaikovsky e temas como Cantar de Gaia (neoclásico) ou Ondas no mar e Embora (contemporáneo) para pechar a súa intervención con Teoremas das urxencias (contemporáneo).

Ao remate das actuacións, a coreógrafa Maite Quiñones deu lectura ao manifesto que ambas agrupacións elaboraron con motivo do Día da Danza en homenaxe a Rey de Viana. “Foi un home adiantado ao seu tempo –sinala o texto, que coa inestimable axuda da súa dona, Victoria Canedo, fundou o Ballet Rey de Viana”. Unha agrupación que “obtivo unha exitosa resposta do público que o levaría, durante 50 anos, a percorrer os máis importantes teatros e escenarios de medio mundo. Soubo plasmar nas súas creacións as costumes, labores, oficios e tradicións de Galicia, o día a día das nosas xentes. “Somos moitas e moitos os que bebemos da súa sabia e estarémoslle eternamente agradecidos –engadiu-. Rey de Viana é sinónimo dunha perfecta simbiose entre tradición e vangarda, técnica e liberdade, fondo e figura, plasticidade e excelencia. E sigue séndoo a día de hoxe”.

Salir de la versión móvil