A primeira fin de semana de restricións en Tui sáldase con seis denuncias da Policía Local

Publicidad

A vixilancia do cumprimento das novas medidas restritivas que o sábado entraron en vigor en Tui xunto á restrición á mobilidade de 23:00 a 6:00 horas centraron as actuacións da Policía Local de Tui durante a fin de semana.

Os axentes locais tramitaron un total de seis denuncias polo incumprimento do toque de queda, polo peche perimetral, e por viaxar nun mesmo vehículo persoas non convivintes, algo que non está permitido en Tui dende o sábado. En total, realizaron o control de máis de 500 vehículos tanto no entorno da vella Ponte Internacional coma noutros puntos da cidade para comprobar o cumprimento do peche perimetral que dende o sábado está en vigor no municipio.

Os policías informaron aos condutores procedentes de Portugal das novas medidas establecidas en Tui polas que non se pode acceder ao municipio, salvo nos casos establecidos. Tanto a liña fixa coma a móbil da Policía Local chegou a colapsar na fin de semana ante as numerosas consultas recibidas tanto dende Galicia coma dende Portugal sobre as novas medidas restritivas que están vixentes. Compre lembrar o teléfono 900 400 116 para resolver dúbidas tanto sobre a COVID19 coma sobre as medidas establecidas.

Amais na noite do sábado os municipais deron o alto a dous vehículos cuxos condutores deron positivo no control de alcoholemia e incumpría o toque de queda. Ás 23:20 horas na rotonda de Guillarei os axentes deron o alto a un vehículo que circulaba en zigzag. O condutor triplicaba a taxa de alcohol permitida ao dar un resultado de 0,94 mg/l na primeira proba realizada, e 0,91 mg/l na segunda. Minutos despois na PO-552, en colaboración coa Garda Civil, deron o alto a outro condutor que duplicaba a taxa permitida ao dar un resultado de 0,58 mg/l na primeira proba e 0,54 mg/l na segunda.

Salir de la versión móvil