Nunha breve sesión celebrada este mércores, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou, por asentimento, o calendario académico para o vindeiro curso 2024/2025, no que a actividade docente comezará o 09 de setembro e finalizará o 6 de xuño. O primeiro cuadrimestre rematará o 24 de xaneiro e o segundo comezará o 27 dese mesmo mes.
O calendario tamén recolle que no mes de agosto non haberá actividade académica, que tamén quedará en suspenso no período do Nadal entre o 21 de decembro de 2024 e o 7 de xaneiro de 2025, ambos incluídos, e dende 14 de abril ata o venres 18 de abril de 2025, ambos incluídos, coincidindo coa Semana Santa. A docencia interromperase tamén os días 3 e 4 de marzo, con motivo do Entroido e o calendario recolle tamén que terá carácter festivo o martes, día 28 de xaneiro de 2025, celebración do patrón San Tomé de Aquino, así como o día do patrón ou patroa de cada centro.
Ademais, o período comprendido entre os días 1 e 8 de setembro de 2024 non computará para os efectos de actividades lectivas, pero neses días si que se poderán desenvolver actividades académicas non lectivas. O mesmo sucederá co período comprendido entre o 9 de xuño e 31 de xullo de 2025. Este calendario aplícase aos graos e aos mestrados, pero non ao programas de doutoramento. Excepcionalmente, nas titulacións de mestrado e previo acordo da respectiva comisión académica e comunicación á Secretaría Xeral, poderá adiarse o inicio da actividade académica docente lectiva, pero sen que as datas de apertura e de entrega de actas podan verse modificadas por este motivo.
Este calendario non é de aplicación para o Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar de Marín. No seu caso, as actividades académicas comezarán o 2 de setembro de 2024 e rematarán o 20 de decembro, no primeiro cuadrimestre, e retomaranse o 8 de xaneiro, estendéndose o segundo cuadrimestre ata o 20 de maio.
Ademais de aprobar o calendario académico, o reitor, Manuel Reigosa, anunciou a concesión por unanimidade do premio Uviguala 2024 ás promotoras de Elas Fan CienTec, unha iniciativa nacida en 2017 da man de docentes e investigadoras das titulacións de enxeñaría e ciencias do campus de Vigo. Cada ano, co gallo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, organizan un amplo programa de actividades e obradoiros nos laboratorios do campus para alumnas de secundaria co obxectivo de achegalas a estes eidos coñecementos, espertar vocacións, xerar referentes profesionais e potencias as titulacións STEM. O galardón seralles entregado no acto institucional para conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller, que terá lugar a vindeira semana.
No seu informe, o reitor tamén se referiu ás medidas adoptadas pola Universidade para mitigar o impacto da folga dos traballadores de Vitrasa e indicou que, ademais da posta en servizo de dous autobuses para facilitar o transporte do alumando ao campus, tamén se está a traballar no deseño unha aplicación de coche compartido que, segundo o reitor, permitirá optimizar o uso dos vehículos particulares. Reigosa tamén indicou que se segue a traballar na acreditación do Campus Auga, ”xa se publicou no DOG e estamos dando os últimos pespuntes ao acordo que hai que asinar e agardamos que os máis de tres millóns de euros que imos recibir nos vindeiros tres anos, nos sirvan para mellorar o campus de Ourense”.
Por outra banda, Reigosa informou aos membros do Consello de Goberno de diferentes temas relacionados coa CRUE e detallou que, finalmente, a oferta do Ministerio é contar con 4.200 novas prazas de profesorado axudante doutor para os vindeiros catro anos, “co fin de que as universidades poidamos poñer en marcha a LOSU”. O Ministerio, indicaba o reitor, “financiará 1.630 prazas durante os catro anos e esperan que as CCAA financien o resto”. Precisamente, en relación coas novas prazas de axudante doutor, o reitor apuntou que en canto se constitúa o novo Goberno galego, este será un dos primeiros temas a tratar para que o número de prazas que lle corresponda á UVigo “sexa o máis xeneroso posible”.
Polo de agora, e tras a aprobación na anterior sesión do Consello de Goberno da modificación das normas para a contratación deste tipo de profesorado, xa case rematou a rolda de xuntanzas cos departamentos para preparar os contratos-programa que permitirán “aproveitar a situación actual para mellorar as ratios de remuda do profesorado nas áreas nas que hai necesidades docentes”. Neste proceso, engadía, terase en conta “a situación das xubilacións (con tres anos de antelación) e a mudanza do cómputo da docencia consolidable ou docencia estrutural aprobada no Consello de Goberno anterior”. Finalmente, Reigosa tamén informou de que se está a traballar para “adiar algúns puntos e flexibilizar os prazos para a posta en marcha da LOSU”, o que permitirá "continuar cun máximo de 320 horas durante catro anos e non mudar as condicións do profesorado asociado durante ese período”. Para o reitor “non son boas novas que se faga unha lei cuxas medidas de máis interese queden adiadas”, pero tamén recoñecía que dende o Ministerio se asumen “que hai cousas que é imposible poñer en marcha sen as necesarias achegas”.
Respecto da universidade europea ATHENA, informou de que a UVigo presentou “en tempo e forma” a solicitude de financiamento, “moi mellorada, tanto nos contidos como na redacción” respecto da anterior proposta. Agora deberá competir con outras 55, de entre as que se seleccionarán as 14 mellores.
Reigosa tamén informou de que tiveron lugar unha serie de xuntanzas entre o Cesga e a Vicerreitoría Investigación, Transferencia e Innovación en relación á utilización dos fondos PERTE relativos á supercomputación e á computación cuántica, proceso no que se vai contar coas universidades. Tras as primeiras tomas de contacto tanto entre institucións como co persoal investigador da UVigo neste eido, decidiuse “presentar propostas relacionadas coas temáticas para as cales se concederon os fondos e algunhas parece que van ir ben encamiñadas”.
Finalmente, ademais de facer un repaso polos eventos, actos e medidas máis relevantes adoptadas dende a celebración do anterior Consello de Goberno, o reitor tamén deu conta dos avances respecto do proceso de elaboración dos novos Estatutos da UVigo. “Os traballos continúan a bo ritmo e contamos ter o primeiro texto nun par de meses”, polo previsiblemente o texto inicial de anteproxecto se poida presentar xa na próxima xuntanza do Claustro.
Na sesión deste mércores tamén aprobaron os prezos das residencias universitarias O Castro, en Vigo, e As Burgas, en Ourense. Como detallou a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, as contías actualízanse para o curso 2024/2025 de acordo ao IPC interanual de decembro de 2023 (3,1%) máis a parte da matrícula a repercutir en 3 anos (57,33 €).
Así, en ambos campus o prezo das habitacións individuais (con ou sen cociña compartida) será de 370 €. No caso de Ourense existe a posibilidade de habitación en estudo dobre (285 €) e de habitación individual superior (508€). Estas contías inclúen aloxamento, internet, utilización das zonas común, etc., pero non os gastos de electricidade e auga.
Estes prezos son para estadías de curso completo ou mensuais, pero existe a posibilidade de alugar habitación por semanas e por días, cuxos presos se poden consultar nas páxinas de ambos complexos residenciais.
Outro punto da orde día foi a aprobación da modificación do Regulamento da Comisión de Política Lingüística. Os cambios, como explicou a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, céntranse na composición deste órgano, do que se eliminan os membros natos e non natos e do que pasa a formar parte o persoal técnico da Área de Normalización Lingüística, que asumirá a secretaría da comisión. Ademais, en lugar de ter representación só os centros que teñen Comisión de Política Lingüística, pasan a estar representados todos os centros. Finalmente, na sesión deste mércores o Consello de Goberno tamén aprobou a estrutura e composición da Comisión de Estudos do Centro de Posgrao e Formación Permanente (CPFP), que realizará as funcións da Comisión de Estudos Propios, así como a extinción da Comisión de Estudos Propios.
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de [email protected]
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL