Sen deixar de mirar ao futuro, a Universidade de Vigo quere tamén botar unha ollada ao seu pasado dando a coñecer a historia que se agocha nos terreos nos que asenta. En concreto, no campus de Vigo acaba de botar a andar a escavación dunha mámoa, a número 2, do conxunto tumular das Xunqueiras, na parte alta do campus. A intervención terá unha duración de tres semanas e forma parte dun programa de investigación, conservación e difusión e socialización do patrimonio arqueolóxico do campus olívico.
A actuación realízase no marco dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo, promovido pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria. O acordo conta cunha achega de 30.000 euros da Xunta de Galicia para os traballos de escavación, análise, caracterización e posta en valor. A dirección científica corre a cargo de Javier Chao Álvarez, arqueólogo con ampla experiencia en escavacións do megalitismo galego, co apoio técnico de Beatriz Comendador Rey, profesora titular da área de Prehistoria da UVigo e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT).
A necrópole megalítica das Xunqueiras, situada na parroquia de Zamáns, está formada por catro túmulos ou mámoas, de entre 14 e 19 metros de diámetro e entre 0,60 e 1,65 metros de altura. Todas presentan o característico cono de violación, froito de remocións antigas na procura de tesouros ou pedra para construción. O equipo apostou por escavar a mámoa 2 porque “amosaba en superficie restos visibles das laxes da cámara, o que a convertía na mellor candidata para iniciar a intervención”, explica a profesora Beatriz Comendador.
Os traballos, que arrancaron o pasado 25 de agosto, conforman a primeira escavación arqueolóxica que se realiza neste conxunto, se ben en 2011 xa se realizara unha prospección con xeorradar nas mámoas 3 e 4.
Durante as tres semanas que vai durar o traballo de campo, o obxectivo do equipo é realizar a caracterización deste tipo de construcións funerarias megalíticas erguidas por comunidades do Neolítico hai uns 6.000 anos e das súas solucións construtivas habituais. A estratexia do equipo pasa por recoñecer, delimitar e documentar a cámara funeraria central; o seu sistema de acceso e posible peche; determinar os límites construídos do monumento; comprobar o tratamento previo do terreo sobre o que se ergue e confirmar o tratamento dado ao volume de terras achegadas para formar a mámoa.
Rematada a escavación, procederase ao tapado preventivo da área de traballo, para protexer o rexistro arqueolóxico e a estrutura do monumento, mediante a colocación dunha manta xeotextil, “unha tea sintética permeable que se estende directamente sobre a superficie escavada para protexela da erosión e do contacto directo coa terra. Por riba colócase unha capa de terra do propio túmulo que actúa como recheo e garante a súa integración paisaxística, evitando ao mesmo tempo danos nas estruturas arqueolóxicas”.
O proxecto conta coa participación de alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense da UVigo, así como dunha estudante da Hochschule für Technik und Wirtschaft de Berlín, que realiza unha estadía de prácticas en conservación e restauración de patrimonio arqueolóxico.
Ademais do labor científico, a intervención contempla accións de conservación preventiva e difusión social. Os avances compártense a través das redes sociais de PrehistoriaGEAAT, con imaxes, vídeos e materiais divulgativos que achegan á comunidade universitaria e á cidadanía o valor deste patrimonio milenario situado a poucos metros das aulas. Ademais, o vindeiro xoves 11 a partir das 11.00 horas terá lugar unha xornada de escavación aberta para que tanto a comunidade universitaria como a veciñanza e cidadanía en xeral poida coñecer o xacemento e ver como traballa o equipo in situ. Nesta ligazón pode consultarse a localización exacta.
O equipo de investigación confía en continuar desenvolvendo campañas neste xacemento nos vindeiros anos. “Sería moi interesante intervir nas mámoas 3 e 4 e no espazo que hai entre elas”, avanza a profesora Comendador, xa que a prospección con xeorradar realizada en 2011 amosaba certas anomalías no terreo, “resultados moi interesantes, aínda que difíciles de interpretar sen escavación” que “marcarán as pautas da futura intervención arqueolóxica”.
Este xacemento, explica a investigadora da Facultade de Historia, non é o único que hai no campus de Vigo e nos seus arredores. De feito, detallan, o campus “destaca como un espazo de grande interese arqueolóxico, con varios xacementos que revelan a súa rica historia prehistórica. Entre eles está tamén o xacemento de Monte das Cabanas, situado na ladeira central que une a Escola de Enxeñería Industrial co Edificio de Ciencias Experimentais, “un sitio singular da Prehistoria recente, tanto no contexto do Concello de Vigo como en Galicia en xeral”.
Ademais, na contorna do campus localízanse outros importantes conxuntos arqueolóxicos que evidencian a longa ocupación humana da zona. Por exemplo, nas inmediacións da cidade deportiva Afouteza do RC Celta, onde outro equipo da UVigo traballa no xacemento de Coto dos Mosquitos, parcialmente contemporáneo cos túmulos de As Xunqueiras. “Este asentamento da Idade do Bronce representa xa un dos maiores xacementos deste tipo en Galicia. A Universidade de Vigo e o RC Celta formalizaron un contrato de investigación para a súa escavación, estudo e posterior musealización, nun proxecto coordinado polo doutor Eduardo Méndez Quintas e o grupo MapasLab.
A Universidade de Vigo valoriza o patrimonio arqueolóxico do seu propio campus coa escavación dunha mámoa na necrópole das Xunqueiras
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL