A comunidade universitaria da Universidade de Vigo elixirá a quen será o seu próximo reitor ou reitora o vindeiro día 4 de maio de 2022,a mesma data na que se celebrarán as eleccións a representantes no Claustro Universitario. Os membros do Consello de Goberno da UVigo aprobaron, na sesión ordinaria celebrada este martes, o calendario das eleccións a representantes no Claustro, o mesmo do proceso de eleccións a reitor, cuxa convocatoria confirmou Manuel Reigosa neste mesmo punto da sesión do Consello.
O calendario para ambas as dúas citas electorais aprobado hoxe, arrancará o 18 de febreiro coa publicación dos censos provisionais e finalizará o 11 de maio coa proclamación definitiva de resultados. Entre medias, do 14 ao 18 de marzo fixouse o prazo establecido para a presentación de candidaturas, que serán proclamadas definitivamente o 5 de abril. Do 19 de abril ao 2 de maio desenvolverase a campaña electoral, á que seguirá o día 3 a xornada de reflexión, o día 4 de maio terá lugar a votación e o 5 de maio a proclamación provisional de resultados, que serán definitivos o 11 de maio. “Hoxe sae a convocatoria de eleccións a reitor e a Claustro co mesmo calendario e non houbo adianto. Estamos en prazo”, dixo Reigosa despois da aprobación por asentimento do punto da orde do día.
A sesión ordinaria celebrada este martes comezou co informe do reitor, que Manuel Reigosa aproveitou para trasladar a súa preocupación, así como as accións que o equipo de goberno está a desenvolver para minimizar o impacto da reforma laboral nos contratos de investigación. “A reforma laboral intenta que haxa emprego de máis calidade, pero ás universidades suponnos un problema porque tiramos de contratos de obra e servizo que se eliminan”, insistiu o reitor, que demandou unha excepción na Ley de la Ciencia para a contratación de persoal investigador. “Estamos buscando solución que permitan seguir traballando, pero a día de hoxe, só podemos facer contratos ata o 30 de marzo por un máximo de seis meses”, explicou o reitor, que avanzou que esta semana terá lugar unha reunión cos investigadores e investigadoras principais dos proxectos para comunicarlles como está a situación e o que desde o equipo de goberno está a facer.
Así comezaba unha sesión, na que, por outra banda, os membros do órgano de goberno da UVigo aproban, entre outras cuestións, que o máximo de horas de docencia o vindeiro curso quede establecido en 270, fronte as 280 do actual; así como engadir un artigo máis ao Regulamento de persoal investigador visitante para que este poida impartir docencia.
Coa aprobación este martes en Consello de Goberno do calendario das eleccións a representantes de Claustro, e da confirmación por parte de Manuel Reigosa da convocatoria de eleccións a reitor, ponse en marcha o proceso polo que a comunidade universitaria elixirá por novena vez o seu reitor e os e as integrantes do máximo órgano de representación e control da institución académica.
Despois da súa elección como reitor o 23 de abril de 2018, Manuel Reigosa volverá a concorrer ao cargo, logo de ser proclamado por aclamación, o pasado mes de novembro, candidato de H2040. Caso de non confirmarse a presentación de outras candidaturas alternativas, Reigosa concorrería en solitario a uns comicios nos que, segundo aparece recollido no último inciso do artigo 8.2º dos Estatutos da UVigo, que entraron en vigor en febreiro de 2019, “no caso de candidatura única, esta ten que conseguir maior número de votos a favor ca en contra”. Unha circunstancia que non se produciu no ano 2014 cando Salustiano Mato se presentou en solitario a unhas eleccións nas que se rexistrou unha porcentaxe de participación do 8,6% e nas que se emitiron 908 votos en branco, 751 para a candidatura de Mato e 291 nulos. Pola súa banda, o artigo 50.3 do Regulamento electoral indica que: "proclamarase reitor/a, en primeira volta, a persoa candidata que acade o apoio proporcional de máis da metade dos votos validamente emitidos, unha vez feitas e aplicadas as ponderacións correspondentes, sen ter en conta os votos en branco para o devandito cómputo". En canto ás ponderacións dos votos para a elección de reitor ou reitora esta é do 51% no caso do profesorado doutor con vinculación permanente á universidade; 25% estudantado; 15% PAS e 9% o restante persoal docente e investigador.
Hai case catro anos Manuel Reigosa foi elixido reitor da Universidade de Vigo con máis do 57% dos votos, fronte ao 42% acadado polo candidato de Ideas que Suman, Emilio Fernández. Na xornada electoral do 23 de abril de 2018 emitíronse un total de 4.477 votos (4.351 deles válidos), dos cales 2.534 foron para H2040 e 1.685 para Ideas que Suman, impoñéndose a candidatura de Reigosa en todos os sectores, cunha ampla diferencia principalmente entre o alumnado. Unha vez ponderado o voto, o resultado deixara unha porcentaxe total de votos do 57.55 % para Reigosa e 42.45 % para Emilio Fernández. Así, Reigosa obtivo 1.163 votos ponderados entre o PDI-A, fronte aos 988 de Fernández; 226 fronte a 153 en PDI-B; 779 fronte a 486 en alumnado e 259 fronte a 162 entre o PAS.
Caso de ser reelixido no cargo o vindeiro 4 de maio, Manuel Reigosa converterase no terceiro reitor en repetir dous mandatos consecutivos, como xa ocorreu no caso de Domingo Docampo (1998-2006) e de Salustiano Mato (2010-2018).
Trátase de facilitar contactos para practicar habilidades lingüísticas mediante conversas informais. Participaron 120 persoas
No Events
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL