A UVigo participa nun proxecto que busca comprender a conexión entre a biodiversidade e as funcións do solo

Publicidad

Un equipo da Universidade de Vigo está a participar no proxecto europeo BIOservicES. Nel, 22 socios de once países afondan nas interconexións entre a biodiversidade do solo, entre os seus organismos, e as funcións e servizos ecosistémicos en diferentes usos do territorio. A iniciativa pretende proporcionar novos coñecementos, indicadores e ferramentas dixitais para a toma de decisións que axuden a deseñar prácticas de xestión resilientes ao clima e programas de seguimento, conservación e restauración adaptados ás distintas contornas europeas.

BIOservicES (Linking soil biodiversity and ecosystem functions and services in different land uses: from the identification of drivers, pressures and climate change resilience to their economic valuation) ten un orzamento total de case 7,4 millóns de euros, ascendendo a axuda concedida á UVigo a 686.875 euros. Arrancou en setembro de 2023 e prevese a súa finalización en agosto de 2028, estando financiado pola Comisión Europea a través do programa Horizonte Europa, ademais das axencias de investigación do Reino Unido e Suíza. Está coordinado polo catedrático Raúl Zornoza, da Universidad Politécnica de Cartagena, e involucra tanto a socios de universidades e centros de investigación como empresas e fundacións, recollendo unha ampla experiencia en agricultura, innovación e comunicación. Por parte da Universidade de Vigo participa un equipo do Grupo de Investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, encabezado por David Fernández Calviño e Andrés Rodríguez Seijo. Este equipo xa tiña unha estreita colaboración previa, con bos resultados, con outros socios de BIOservicES a través de proxectos europeos previos, como SoildiverAgro, coordinado tamén por David Fernández.

O principal obxectivo de BIOservicES é comprender a conexión entre os diversos organismos do solo, tales como virus, bacterias, arqueas, fungos, protistas, nematodos, microartrópodos, miñocas de terra, isópodos, milpés, insectos e arañas, e como contribúen ás múltiples funcións e servizos ecosistémicos do solo a diferentes escalas, tendo en conta os distintos usos do territorio e o impacto do cambio climático. O proxecto pretende identificar as presións e factores que afectan a estes organismos e os servizos do solo, realizar unha valoración económica da súa contribución ao ecosistema e desenvolver ferramentas e modelos de apoio na toma de decisións.

25 emprazamentos experimentais, entre eles Ourense

Segundo explican os seus promotores, BIOservicES xorde cunha misión de concienciación e co obxectivo de informar sobre o papel dos organismos no solo e nos ecosistemas. “Aínda que a súa importancia nos servizos ecosistémicos está ben establecida, falta máis información sobre a interacción dos organismos chave do solo e os servizos ecosistémicos prestados en diferentes usos do territorio”, indican. Así, detallan, existe por exemplo unha falta de información sobre as relacións entre os organismos do solo e o ciclo de nutrintes, a prevención da contaminación ou a capacidade de infiltración e de retención da auga en diferentes usos do territorio. Por este motivo, en diferentes zonas experimentais elixidas para este proxecto, as e os investigadores estudarán as citadas interaccións co fin de desenvolver novas prácticas para unha xestión máis sostible do territorio e contribuír a unha toma de decisións máis obxectiva.

Concretamente, seleccionáronse 25 emprazamentos experimentais, con diferentes niveis de presión debido ás prácticas de xestión neles e en diferentes rexións bioxeográficas: alpina (Suíza), atlántica e mediterránea (España), continental (Alemaña) e a rexión boreal (Letonia). Nelas abárcanse oito usos diferentes do solo para estudar a aplicación de prácticas de xestión sostible. Na rexión Atlántica que coordina a UVigo, os casos de estudo encóntranse nos concellos de Toén e Ourense, abarcando diferentes presións nos usos de agricultura, seminatural, humidal, urbano e mineiro. Nestes usos estudaranse diferentes propiedades do solo, como a súa estrutura e biodiversidade. Ademais, no uso seminatural (no caso galego antigas zonas de cultivo reconvertidas en uso forestal con bosques de acacia, piñeiro e carballo), estudarase o impacto do cambio climático global sobre o solo. Deste xeito, actualmente estase a desenvolver un ensaio que se prolongará ata o verán de 2026 e no que se simula unha redución das precipitacións do 50% e un incremento da temperatura de ata 2ºC. Este ensaio realízase ademais noutras tres áreas (alpina, boreal e mediterránea), con outros usos e intensidades, co obxecto de obter unha imaxe dos impactos do cambio climático sobre o solo no ámbito continental.

A Universidade de Vigo ten un papel chave en diferentes tarefas do proxecto BIOervicES pero especialmente na coordinación da liña de traballo centrada na biodiversidade do solo e funcións e servizos ecosistémicos a través de áreas bioxeográficas, cuxo obxectivo é comprender o papel dos organismos na provisión de múltiples servizos ecosistémicos en termos de uso e estrutura do solo e rexión bioxeográfica. “Este paquete de traballo desenvolve a estratexia de mostraxe, recollida e análise de mostras en 750 puntos de cinco países de Europa, así como a coordinación da realización das análises de solos e organismos sobre as que se sustentan os outros seis paquetes de traballo do proxecto”, sinalan os investigadores da UVigo.

Salir de la versión móvil