O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo acaba de sacar a concurso por 1,5 millóns de euros a construción dun buque oceanográfico de última xeración con propulsión híbrida enchufable, unha embarcación de tamaño medio -19,5 metros de eslora por 5,4 metros de manga- que fortalecerá a posición de Vigo, e de Galicia en xeral, na investigación oceanográfica costeira, permitíndolle abordar con maior garantía e competencia algúns dos desafíos sociais máis críticos relacionados co cambio climático e ambiental, a pesca, a biodiversidade ou a xestión de riscos.
“Esta ferramenta fortalecerá a posición do CIM e das ciencias mariñas en xeral a nivel nacional, brindando acceso á comunidade científica a observacións oceánicas in situ como unha infraestrutura habilitadora que xera datos de interese público, e que proporcionará información adecuada para apoiar o desenvolvemento da economía azul sostible”, explica o catedrático da Universidade de Vigo Daniel Rey, director do CIM, quen se amosa convencido de que o novo buque “axudará de forma importante a cumprimentar a misión do CIM de contribuír á conservación e uso sostible dos océanos, mares e recursos mariños a través da xeración e transferencia de coñecemento baseado na ciencia, a tecnoloxía e a innovación”, así como a alcanzar o obxectivo deste centro de ser “referencia internacional para a investigación mariña e actor clave na innovación, transferencia e divulgación azul no arco atlántico europeo”.
Respectuoso co medio ambiente e cun modelo de xestión eficiente que facilitará a obtención de datos oceanográficos de gran calidade técnica, o buque estará acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras. Terá carácter híbrido enchufable e contará tamén, de maneira complementaria, cun sistema de propulsión de enerxía baseado en paneis solares con celdas policristalinas conectadas a un cargador e dous aeroxeradores vinculados aos seus sistemas de control.
O prego de condicións técnicas, de máis de medio cento de páxinas, define as características básicas do proxecto, desde as liñas xerais que caracterizarán a embarcación –de tipo monocasco e acabado do máis alto nivel de calidade-, ata os detalles da construción, da motorización e do sistema propulsor, pasando pola descrición dos equipos de goberno, navegación e comunicacións. Nel estipúlase que o prazo de execución é de 8 meses –contándose a partir da data na que se efectúe a sinatura e formalización do contrato- e a idea é que estea finalizado antes de que remate 2023.
“A plena operatividade do buque requirirá a instalación de determinados elementos en cuberta como un guindastre nun dos costados, un pórtico en popa e un cabrestante para o manexo e despregamento de equipos pesados como rosetas, testificadores, redes , ROVs, etc.”, explica o responsable do CIM, ao que engade que a maior parte destes equipos incorporaranse ao barco unha vez botado, aínda que no prego xa se establece que o buque debe de estar preparado estruturalmente para recibir estes elementos. “Isto levaranos a que, aínda que se poderá usar na súa configuración máis básica antes de que finalice o 2023, non alcanzará plena capacidade operativa ata a primeira metade do 2024”, aclara Rey.
Esta nova infraestrutura será xestionada como un servizo xeral prestado pola Unidade de Medio Mariño da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, a través da plataforma web de solicitude de reserva e prestación de servizos existente neste centro, “como calquera outro servizo do CIM”. Ademais de para a propia comunidade universitaria, o barco estará tamén a disposición de calquera outra institución, galega, nacional e incluso internacional, tanto a través da rede europea de recursos biolóxicos mariños (EMBRC-ERIC) á que pertence á Ecimat, como do resto de infraestruturas europeas nas que participan os diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo adscritos ao CIM.
A embarcación proposta e o modelo de prestación de servizos están deseñados para levar a cabo misións de investigación científica pluridisciplinar tales como a análise das características físicas, químicas, ou biolóxicas da auga de mar e dos sedimentos, a realización de tarefas de observación e cartografía do ecosistema mariño, os seus hábitats, e dos fondos e subsolo mariño. Tamén terá capacidades para a instalación e recuperación de equipos oceanográficos fondeados, como é o caso das boias oceanográficas, o lanzamento de mostreadores e perfiladores e o apoio loxístico a vehículos submarinos non tripulados de mediano e pequeno tamaño.
“Será unha ferramenta clave para desenvolver proxectos propios con independencia, respondendo con rapidez a necesidades locais e rexionais, aumentando a súa relevancia e liderado no ámbito rexional e nacional”, afirma Rey, quen tamén fai mención a que, a nivel docente, o buque empregarase nos cursos de doutoramento, mestrado e no Grao en Ciencias do Mar, o que mellorará a formación práctica do alumnado. “Estamos seguros de que actuará moi positivamente a todos os niveis”, recalca o principal impulsor da iniciativa.
Segundo a documentación publicada na Plataforma de Contratación do Sector Público, as empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro martes 25 de novembro (ás 23.59 horas) para presentar as súas ofertas. A adxudicación levarase a cabo mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria.
A empresa seleccionada comprometerase a seguir todas as especificacións estipuladas nas condicións técnicas, así como a cumprir cos requisitos establecidos no prego de condicións, incluído a realización de probas de mar. Para garantir o correcto avance da construción, o prego de prescricións técnicas define varios fitos: primeiro, a finalización da construción do casco, aos catro meses da adxudicación; finalización da instalación da motorización, dous meses despois e superación das probas de mar no último mes de execución do contrato.
Este proxecto está financiado con cargo á axuda concedida pola Axencia Estatal de Investigación, pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación, para a adquisición de equipamento científico-técnico de última xeración no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2017-2020, resolta en novembro de 2021 e pola que se lle concederon á Universidade de Vigo un total de 3,5 millóns de euros, dos que 1,5 millóns correspondían á embarcación promovida polo CIM.
A construción do buque permitirá agora mellorar de xeito substancial as infraestruturas de investigación do CIM, entre as que se inclúen outras dúas embarcacións: o KrakenUno, de 7,50 metros de eslora, e Noctiluca, (Zodiac) de 5,99 m de eslora. “Proporcionaranos unha plataforma de observación sobre a que integrar un conxunto de instrumentos e equipamentos para alcanzar e manter estándares de calidade e a converxencia no uso de mellores prácticas para a observación dos océanos”, explica o director do centro, quen tamén fai fincapé na necesidade de “abordar problemas globais desde unha perspectiva local”.
O investigador Pablo Serret realizará medicións semanais na ría de Vigo durante 3 anos
Puedes encontrarnos en nuestras redes sociales o, si lo prefieres, ponerte en contacto con nosotros a través de contacto@metropolitano.gal
Saber todo lo que ocurre en Vigo y su área metropolitana es ahora más sencillo, rápido y directo gracias al nuevo servicio de alertas de WhatsApp de Metropolitano.gal
© Hansei Media SL